![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3e/Conjugation.svg/langgl-640px-Conjugation.svg.png&w=640&q=50)
Pilus
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un pilus (que en latín significa pelo, en plural pili), xeralmente considerado sinónimo de fimbria, é un apéndice similar en forma de pelo que se encontra na superficie de moitas bacterias.[1] Aínda que os termos pilus e fimbria (do latín "filamento", "fibra") se utilizan xeralmente como sinónimos, algúns investigadores reservan o termo pilus para os apéndices requiridos para a conxugación bacteriana. Todos os pili están compostos esencialmente polas proteínas oligoméricas pilinas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3e/Conjugation.svg/640px-Conjugation.svg.png)
Os pili son máis característicos das bacterias gramnegativas, pero tamén poden aparecer nalgunhas especies grampositivas. Unha bacteria pode ter ducias de pili por toda a súa superficie. Os pili sérvenlles ás bacterias para unirse a superficies ou a outras bacterias. Algúns virus bacteriófagos utilizan os pili das bacterias para adherirse á superficie bacteriana e iniciar o seu ciclo replicativo.
Os pili son antixénicos. Son bastante fráxiles e están a renovarse decote, ás veces con pili de diferente composición antixénica, o que altera a antixenicidade da bacteria. As respostas inmunitarias específicas do hóspede aos pili orixinais non son efectivas contra os pili novos. Os xenes dos pili teñen rexións variables (V) e constantes (C), que se combinan, de xeito similar a como se produce a variabilidade das inmunoglobulinas dos vertebrados.