From Wikipedia, the free encyclopedia
O peronismo ou xusticialismo é un movemento político arxentino xurdido a mediados da década de 1940 arredor da figura de Juan Domingo Perón e un considerábel número de sindicatos. Dende o seu xurdimento tivo unha importante influencia na política da Arxentina.
Na súa forma partidaria, organizouse primeiro como Partido Laborista, logo como Partido Peronista, renomeado posteriormente como Partido Xusticialista. En 1949, dous anos despois de ser sancionada a lei de sufraxio feminino, o peronismo organizouse tamén no Partido Peronista Feminino, fundado por Eva Perón e integrado só por mulleres, que foi disolto pola ditadura cívico-militar instalada en 1955. Tradicionalmente, a súa organización realizouse en base a tres “pólas” (política, sindical e feminina), ás que a partir dos anos 1970 se engadiu a Xuventude Peronista.
A denominación alternativa de “xusticialismo” provén da importancia concedida por este movemento á xustiza social. En 1952 o art. 3° da lei 14 184 definiu "como "doutrina nacional", adoptada polo Pobo Arxentino, a doutrina Peronista ou Xusticialismo".[1] A oposición ao peronismo xerou un movemento inorgánico de grande influencia política, coñecido como antiperonismo.[2] O movemento peronista abrangue unha serie de correntes diversas non de todo precisas nin constantes ao longo da historia, ás veces enfrontadas, mesmo electoralmente. Entre as correntes principais peronistas poden identificarse o «peronismo ortodoxo», o neoperonismo, o «peronismo revolucionario» ou «la Tendencia», o «peronismo sindical», o «menemismo», o «kirchnerismo» e o peronismo disidente ou Peronismo Federal.
Entre 1946 e 2019, o peronismo gañou dez eleccións presidenciais: 1946 (Perón), 1951 (Perón), as dúas de 1973 (Cámpora e Perón), 1989 (Menem), 1995 (Menem), 2003 (Kirchner), 2007 (Fernández de Kirchner), 2011 (Fernández de Kirchner) e 2019 (Fernández), e perdeu as eleccións de 1983, 1999 e 2015. Foi derrocado dúas veces por golpes de Estado militares, en 1955 e 1976, e declarado ilegal pola ditadura autodenominada Revolución Libertadora instalada en 1955, manténdose a prohibición até 1972 e para Perón até 1973.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.