Patrice Leconte
From Wikipedia, the free encyclopedia
Patrice Leconte, nado en París o 12 de novembro de 1947, é un director de cinema, guionista e actor francés.
Traxectoria
Leconte naceu en París, mais criouse en Tours, onde desde os catorce anos realizou pequenos filmes como afeccionado.[1] Volveu a París en 1967 para estudar cinema no IDHEC (Institut des Hautes Études Cinématographiques) sen rematar a carreira. A finais da década de 1960, escribiu críticas na revista cinematográfica Cahiers du cinéma e de 1970 a 1974 traballou como debuxante na revista Pilote, mentres realizaba algunhas curtametraxes e numerosos anuncios publicitarios para televisión.[2]
Dirixiu a súa primeira longametraxe en 1975, Les vécés étaient fermés de l'intérieur, unha adaptación dunha banda deseñada de Gotlib que a pesar de contar con protagonistas tan recoñecidos como Jean Rochefort e Coluche supuxo un rotundo fracaso. Dedicou os tres anos seguintes á banda deseñada e á publicidade ata o seu encontro cos actores da compañía do café-teatro Splendid, dos que adaptou ao cinema a obra Amour, coquillages et crustacés baixo o título Les bronzés (1978), filme protagonizado por algúns dos actores da compañía (Michel Blanc, Christian Clavier, Josiane Balasko, Thierry Lhermitte, Gérard Jugnot). O filme foi un enorme éxito comercial e propulsou a fama deses actores que ata entón se movían no teatro alternativo. Porén, este éxito e o da súa secuela o ano seguinte, Les bronzés font du ski, cuñaron a Leconte como un realizador popular de comedias de éxito, un selo do que tardou en liberarse.[2]
As comedias seguintes gozaron de éxito comercial, mais a crítica permaneceu relativamente fría ata a estrea de Les Spécialistes (1985), que foi un fito tanto comercial como de crítica. O seu seguinte filme, Tandem (1986), confirmou a Leconte como un realizador maduro e recoñecido pola crítica, cun rexistro máis amplo.[2]
A súa primeira chegada ao público internacional foi en 1989 co filme Monsieur Hire, que se exhibiu no Festival de Cannes[3] e que continuou con certa ruptura cos seus primeiros traballos. Continuou con Le mari de la coiffeuse (1990) que o situou definitivamente entre os directores internacionais máis prestixiosos.[4] Aínda que xa nesa época dirixira máis de media ducia a crítica estranxeira, que descoñecía a súa traxectoria, tratouno como acabado de chegar. Desde entón alternou filmes como Ridicule ou L'Homme du train, de grande éxito internacional[5] e un amplo orzamento, con filme máis independentes como Les Grands Ducs ou Voir la mer, cunha distribución limitada só a Francia. En 2012, volveu ao mundo da banda deseñada para dirixir un filme de animación, Le Magasin des suicides, cun guión escrito adaptando a novela homónima do escritor francés Jean Teulé.
Traballou esporadicamente como actor e foi guionista de varios dos seus filmes.
Filmografía
Ano | Título | Notas |
---|---|---|
1969 | L'Espace vital | Curtametraxe |
1971 | Le Laboratoire de l'angoisse | Curtametraxe |
1973 | La Famille heureuse (Famille Gazul) | Curtametraxe |
1976 | Les vécés étaient fermés de l'intérieur | |
1978 | Les Bronzés | |
1979 | Les Bronzés font du ski | |
1981 | Viens chez moi, j'habite chez une copine | |
1982 | Ma femme s'appelle reviens | |
1983 | Circulez y'a rien à voir | |
1985 | Les Spécialistes | |
1987 | Tandem | |
1988 | Sueurs froides | Serie de televisión (1 episodio) |
1989 | Monsieur Hire | |
1990 | Le Mari de la coiffeuse | |
1991 | Contre l'oubli | Segmento "Pour Alexandre Goldovitch, URSS" |
1992 | Le batteur du Boléro | Curtametraxe |
1993 | Tango | |
The King of Ads | Documental Segmento "Pilote commercial" | |
1994 | Le Parfum d'Yvonne | |
1995 | Lumière et Compagnie | Documental Segmento "La Ciotat 1996" |
1996 | Les Grands Ducs | |
Ridicule | ||
1998 | Une chance sur deux | |
1999 | La Fille sur le pont | |
2000 | La Veuve de Saint-Pierre | |
2001 | Félix et Lola | |
2002 | Rue des Plaisirs | |
L'Homme du train | ||
2004 | Confidences trop intimes | |
Dogora: Ouvrons les yeux | Documental | |
2006 | Les Bronzés 3 | |
Mon meilleur ami | ||
2007 | Trac | Curtametraxe |
Dix films pour en parler | Curtametraxe | |
2008 | La Guerre des miss | |
2011 | Voir la mer | |
2012 | Le Magasin des suicides | Filme de animación |
2013 | Une promesse | |
2014 | Une heure de tranquillité | |
2019 | Salauds de pauvres | Filme de episodios |
2022 | Maigret | |
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.