Ostracodermos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ostracodermos ('pel de cuncha') son un grupo de peixes sen mandíbula acoirazados con placas óseas do Paleozoico. O termo non aparece habitualmente nas clasificacións de hoxe en día porque designa un grupo que é parafilético ou polifilético, e non ten un significado filoxenético.[1] Porén, o termo ostracodermos aínda se usa informalmente para agrupar grosso modo os peixes ágnatos acoirazados. Nalgunhas clasificacións utilizáronse os termos Ostracodermi e Ostracodermata.
Unha innovación dos ostracodermos era que usaban as branquias só para a respiración e non as usaban tamén para alimentarse, como talvez facían algúns dos primeiros cordados. Os ostracodermos tiñan bolsas branquiais farínxeas separadas ao longo da parte lateral da cabeza, que estaban permanentemente abertas e carecían de opérculo protector. A diferenza dos invertebrados que usan o movemento de cilios para desprazar a comida, os ostracodermos usaban a súa farinxe muscular para crear unha succión que impulsaba cara á súa boca pequenas presas lentas.
Os primeiros peixes fósiles que se descubriron eran ostracodermos. O anatomista suízo Louis Agassiz recibiu algúns fósiles de peixes con armadura ósea procedentes de Escocia na década de 1830. Levoulle moito tempo clasificalos, xa que non lembraban a ningunha criatura viva. Comparounos prieiramente con peixes acoirazados existentes como algúns siluriformes e os esturións, pero despois decatouse de que non tiñan mandíbula móbil, e clasificounos en 1844 nun novo grupo, os "ostracodermos", que significa "pel de cuncha".[2]
Os ostracodermos teñen a cabeza cuberta de placas óseas. Están entre as primeiras criaturas con cabeza osificada. As capas microscópicas deses escudos paréncenlles aos biólogos evolutivos que son "como se estivesen compostas de estruturas similares a pequenos dentes."[3] Neil Shubin escribiu: "Corte o óso do cranio [de ostracodermo] aberto… póñao no microscopio e… atopará unha estrutura virtualmente igual á dos nosos dentes. Hai unha capa de esmalte e incluso unha capa de polpa. O escudo completo está feito de miles de pequenos dentes fusionados. Este cranio óseo (un dos primeiros do rexistro fósil) está feito enteiramente de pequenos dentes. Os dentes orixináronse inicialmente para morder outros seres vivos (ver Conodontos); unha versión posterior dos dentes foi utilizada para a protección."[3]
Existiron dous grandes grupos de ostracodermos, os máis primitivos eran os heterostracos e o outro era o dos cefaláspidos. Os cefaláspidos eran os máis avanzados porque tiñan estabilizadores laterais para controlar mellor a natación.
Durante moito tempo creuse que os pteraspidomorfos e os telodontos eran os únicos ostracodermos con orificios nasais pares, mentres que os outros grupos tiñan só un orificio único medial. Pero despois comprobouse que aínda que os galeáspidos teñen unha soa abertura nasal externa, teñen dous órganos nasais internos.[4][5]
Despois da aparición dos peixes mandibulados (placodermos, acantodios, tiburóns etc.) hai uns 420 millóns de anos, a maioría das especies dos ostracodermos sufriron un declive, os últimos ostracodermos acabaron extinguíndose a finais do Devoniano. Investigacións máis recentes indican, non obstante, que, os peixes con mandíbulas deberon ter moita menos influencia na extinción dos ostracodermos do que antes se pensaba, xa que ambos os grupos coexistiron sen un declive significativo durante uns 30 millóns de anos.[6]
Nalgunhas clasificacións a subclase Ostracodermi foi situada na división Agnatha, xunto coas subclases existentes de Cyclostomata, entre os que están as lampreas e os mixíns.