Os vellos non deben de namorarse
obra de teatro de Daniel Castelao / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os vellos non deben de namorarse é unha obra de teatro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerada unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita "para regalía do pobo galego" na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña" e rematouna no inverno de 1939. En palabras do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor. Consérvanse dous manuscritos coa obra completa e un terceiro escrito incompleto[1].
Os vellos non deben de namorarse | |
---|---|
Castelao en Buenos Aires, en 1941, preparando as carautas para a representación da obra. | |
Título orixinal | Os vellos non deben de namorarse: farsa en tres actos cun prólogo e un epílogo |
Autor/a | Alfonso Daniel Rodríguez Castelao |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Xénero(s) | Teatro |
Data de pub. | 1941 |
[ editar datos en Wikidata ] |
A obra estreouse o 14 de agosto de 1941 no Teatro Mayo de Buenos Aires, ben recibida pola crítica e os intelectuais[1], e o 8 de outubro no teatro Solís de Montevideo. Castelao non puido asistir á estrea en Montevideo e mandou unha gravación, en castelán, que constitúe o único documento sonoro coa voz de Castelao [2]. O texto publicouse en libro en 1953 da man de Editorial Galaxia.