![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/90/Anaerobic.png/640px-Anaerobic.png&w=640&q=50)
Organismo anaerobio
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un organismo anaerobio ou anaerobio é un organismo que non require oxíxeno para vivir. Algúns reaccionan negativamente ou mesmo morren en presenza de oxíxeno, outros poden toleralo pero non o usan, e outros viven anaerobicamente en certas condicións e aerobicamente noutras (anaerobios facultativos). Os organismos anaerobios poden ser unicelulares, como certos protozoos (por exemplo, Entamoeba histolytica, Trichomonas vaginalis),[1] ou moitas bacterias,[2] ou multicelulares, como o verme parasito Trichinella spiralis xuvenil[3] ou algúns poliquetos do xénero Nereis, que poden vivir durante longo tempo en anaerobiose grazas ao seu metabolismo adaptado a condicións con diferentes graos de hipoxia[4].
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/90/Anaerobic.png/640px-Anaerobic.png)
1: Aerobio obrigado, que necesita oxíxeno porque non pode fermentar nin respirar anaerobicamente. Xúntanse na parte superior do tubo, onde a concentración de oxíxeno é maior.
2: Anaerobio obrigado, que morre envelenado polo oxíxeno, polo que crecen todos xuntos no fondo do tubo, onde a concentración de oxíxeno é menor.
3: Anaerobio facultativo, que crece con ou sen oxíxeno, porque pode metabolizar enerxía aeróbica ou anaerobicamente. Crecen en maior número na parte superior do tubo porque a respiración aeróbica xera máis ATP que a fermentación ou a respiración anaeróbica, pero algúns crecen tamén no resto do tubo.
4: Microaerófilo, que necesita pequenas cantidades de oxíxeno porque non pode fermentar ou respirar anaerobicamente, pero que morre envelenado en altas concentracións de oxíxeno. Crecen na zona superior do tubo pero non na parte máis superior.
5: Aerotolerante, que non require oxíxeno, xa que ten un metabolismo enerxético anaerobio, pero non morre envelenado se está en presenza de oxíxeno. Crecen en todo o tubo.
A efectos prácticos distínguense tres categorías de anaerobios:
- Anaerobios obrigados ou estritos, para os que a presenza do oxíxeno é nociva e letal.[5][6] No seu metabolismo enerxético poden utilizar fermentacións ou a respiración anaerobia.
- Anaerobios facultativos, que poden crecer con ou sen oxíxeno, polo que poden vivir tanto en condicións aerobias coma anaerobias. Poden cambiar de metabolismo e utilizan o oxíxeno para facer a respiración aerobia cando este está presente, e xeralmente fermentan ou respiran anaerobicamente cando non hai oxíxeno.[7]
- Aerotolerantes, que non utilizan o oxíxeno para crecer, pero poden tolerar a súa presenza, xa que para eles non é letal.[7]