Operón
unha unidade funcional do ADN xenómico, que contén un grupo de xenes e rexións regulatorias, que están baixo o control dun só sinal regulatorio ou promotor. / From Wikipedia, the free encyclopedia
En xenética, un operón é unha unidade funcional do ADN xenómico bacteriano ou máis raramente eucariótico ou vírico, que contén un grupo de xenes e rexións regulatorias, que están baixo o control dun só sinal regulatorio ou promotor.[1][2] Os xenes do operón son transcritos xuntos a ARNm e despois poden ser traducidos xuntos no citoplasma ou sofen primeiro un trans-splicing para crear ARNm monocistrónicos que se traducen por separado, é dicir, fórmanse varias moléculas de ARNm a partir do ARNm inicial grande, as cales codifican cada unha un só produto xénico (proteína). O resultado disto é que os xenes que contén o operón se expresan xuntos ou non se expresan en absoluto. Deben ser cotranscritos ou corregulados varios xenes para definir un operón.[3]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a4/Operon_1.png/350px-Operon_1.png)
Inicialmente pensábase que os operóns existían só nos procariotas, pero despois atopáronse algúns en eucariotas e virus. Desdo o descubrimento dos primeiros operóns en eucariotas a principios da década de 1990,[4][5] acumuláronse máis evidencias que indican que os operóns son máis comúns do que previamente se pensaba.[6] En xeral, a expresión dos operóns procarióticos orixina a formación dun ARNm policistrónico, mentres que nos operóns eucariotas fórmanse ARNm policistrónicos ou monocistrónicos procedentes da clivaxe de transcritos iniciais policistrónicos, segundo os casos[6].
Tamén se atoparon operóns en virus, como os bacteriófagos.[7][8] Por exemplo, os fagos T7 teñen dous operóns, o primeiro codifica varios produtos incluíndo unha ARN polimerase T7 especial, que pode unirse e transcribir o segundo operón, o cal contén un xene de lise, que se cre causa que a célula hóspede estoupe.[9]
Un operón contén un ou máis xenes estruturais, que se tanscriben xeralmente como un ARNm policistrónico (unha soa molécula de ARNm que codifica máis dunha proteína). Con todo, a definición de operón non require que o ARNm sexa necesariamente policistrónico, aínda que isto sexa o máis común.[10] Augas arriba dos xenes estruturais encóntrase unha secuencia promotora, que proporciona un sitio para que se una a ARN polimerase e inicie a transcrición. Preto do promotor hai unha sección do ADN denominada operador.