From Wikipedia, the free encyclopedia
Os olmecas foron unha civilización que se desenvolveu durante o período preclásico de Mesoamérica. Aínda que se atoparon vestixios da súa presenza en amplas áreas de Mesoamérica, considérase que a área cultural olmeca abrangue a parte sueste do estado de Veracruz e o oeste de Tabasco. Neste sentido, cómre aclara que o etnónimo "olmeca" foi imposto polos arqueólogos do século XX e non debe ser confundido co dos olmeca-xicalancas, que foron un grupo que floreceu no período epiclásico en lugares do centro de México, como Cacaxtla.
Durante moito tempo considerouse que a olmeca era a "cultura nai" da civilización mesoamericana.[1] Non obstante, non está claro o proceso que deu orixe ao estilo artístico identificado con esta sociedade, nin ata que punto os trazos culturais que se revelan na evidencia arqueolóxica son creación dos olmecas da área nuclear. Sábese, por exemplo, que algúns dos atributos propiamente olmecas pudieron aparecer primeiro en Chiapas ou nos Vales Centrais de Oaxaca. Entre outras dúbidas que están pendentes de resposta definitiva, está a cuestión dos numerosos lugares asociados a esta cultura na depresión do Balsas (centro de Guerrero).
Sexa cal for a orixe da cultura olmeca, a rede de intercambios comerciais entre distintas áreas de Mesoamérica contribuíu á difusión de moitos elementos culturais que se identifican coa cultura olmeca, incluídos o culto ás montañas e ás covas; o culto á Serpe Emplumada, como deidade asociada á agricultura, o simbolismo relixioso do xade e mesmo o propio estilo artístico, que foi reelaborado intensamente nos séculos posteriores ao declive dos principais centros destes tempos.
Os olmecas crearon sistemas políticos centralizados apoiados pola relixión e polo poder hereditario que non tiñan paralelo con outros pobos. A sociedade olmeca chegou a desenvolver unha organización social estratificada composta polos gobernantes divinos, a aristocracia e a xente común. A existencia dunha xenealoxía proporcionou os principios de exclusión social e xerarquización de liñaxes co fin de lexitimar os gobernantes e distinguir a elite dos demais. O poder dos gobernantes fortaleceuse mediante os conceptos, as crenzas e as prácticas relixiosas e afianzouse por conduto do seu acceso privilexiado a bens de primeira necesidade, suntuarios e de importación. Trátase dunha das sociedades máis destacadas e antigas de Mesoamérica, especúlase que estableceron unha política que se caracterizou polo seu acoplamento co relixioso, motivo polo que se considera unha civilización teocrática. De feito, debido á súa grande antigüidade, descoñécese a identidade étnica dos seus integrantes.
A pesar do feito de que a cultura olmeca tivo unha difusión que alcanzou a maior parte de Mesoamérica (agás na rexión de occidente que seguiu un desenvolvemento cultural máis ou menos autónomo ata finais do preclásico), unha das rexións onde se atoparon as evidencias máis claras da presenza desta cultura é a parte sur da chaira costeira do golfo de México comprendida entre os ríos Papaloapan e Grijalva, que corresponde á metade norte do istmo de Tehuantepec. Actualmente, esta zona corresponde ao sueste do estado de Veracruz e poñente de Tabasco. Trátase dunha zona dun clima cálido e moi húmido, condicións climatolóxicas que seguramente posuía este lugar tamén na antigüidade precolombiana. Alén das fronteiras mexicanas, atópanse vestixios da presenza olmeca en Guatemala (Takalik Abaj), Belize, O Salvador, Honduras e Nicaragua.
A área nuclear olmeca está irrigada por ríos caudalosos que baixan dos contraforte da Serra Madre de Oaxaca e da Serra Madre Oriental, como o Coatzacoalcos, o San Juan e o Tonalá. Debido á humidade da zona e das fontes destes ríos, na tempada de chuvias os desbordamentos das correntes son unha constante. Aínda que na actualidade a vexetación desta rexión foi enromemente modificada pola acción do ser humano, antigamente estivo recuberta por unha espesa selva tropical, que era o hábitat de numerosas especies que na actualidade están en perigo de extinción en México, como o xaguar, aves de plumaxes rechamantes como guacamaios e quetzais, réptiles de diversas especies e mamíferos como o tapir. Este último considerado polos olmecas como un animal difícil de cazar que só os máis valentes atacaban porque era necesario estar moi preto del por ser unha tarefa complicada penetrar a súa grosa pel.
A rexió posúe solos ricos en humus e de espesores considerables. O petróleo cru abrocha superficialmente entre a vexetación. Porén, carece de moitos dos materiais característicos dos obxectos de estilo olmeca atopados na zona e noutras partes de Mesoamérica. Entre eles inclúese a obsidiana, o xade, a serpentina e o cinabrio. Para obter pedra sólida para os seus materiais, os habitantes desta rexión recorreron ás canteiras da serra dos Tuxtlas (coñecida tamén como serra de Santa Martha ou de San Andrés), que lles proporcionaron basalto e outras rochas volcánicas que empregaron na construción de templos e na escultura. Non obstante, estas fontes de materiais pétreos atópanse a máis de cen quilómetros de distancia respecto a lugares como como San Lorenzo e La Venta, o que pode dar unha idea do nivel de organización que se requiriu para trasladar sen animais de carga e sobre un chan pantanoso eses monólitos que pesan decenas de toneladas ata os centros políticos da cultura olmeca.
A palabra "olmeca" significa "habitantes da rexión do hule" e foi empregada polos aztecas para nomear varios pobos, étnica e lingüisticamente diversos, que ocuparon a rexión de Veracruz e Tabasco a través dos séculos. Descoñécese o nome que se daban a eles mesmos estes pobos.
Baixo o termo "olmeca" agrupáronse dúas realidade: un pouco da rexión do Golfo e un estilo artístico. O estilo olmeca pode verse plasmado en rochas, covas, esculturas grandes e pequenas e obxectos de barro que se atopan diseminados por toda Mesoamérica, de Xalisco a Costa Rica, pasando por Guerrero, Chiapas, Oaxaca, o altiplano central mexicano e a costa do Golfo, onde se atoparon imaxes de nenos-xaguares e outros trazos propios da arte olmeca. Crese que a dispersión deste estilo artístico se debe a que os pobo do Golfo crearon unha ampla rede de intercambios con outras poboacións afastadas. Deste xeito, os símbolos e formas olmecas integráronse nas expresións artísticas doutras áreas mesoamericanas.
Así mesmo, considérase a olmeca a "cultura nai" de Mesoamérica debido a que nestas primeiras sociedades se deu inicio a algunhas prácticas culturais que se integraron plenamente na cultura mesoamericana, como o uso dun patrón urbano de asentamento, o establecemento dunha sociedade teocrática ou o xogo de pelota, entre outras.
Estímase que os indicios máis antigos da cultura olmeca son de arredor de 3000 a.C., e os máis recentes aproximadamente do ano 400 a.C. A civilización olmeca constituíuse principalmente arredor de tres centros cerimoniais: San Lorenzo, La Venta e Tres Zapotes, ademais de manifestarse noutros lugares como Laguna de los Cerros.
O centro olmeca máis antigo é o de San Lorenzo (aproximadamente 1500 a.C.), municipio de Texistepec, situado na cunca do río Coatzacoalcos, no estado de Veracruz. O inicio do florecemento da cultura olmeca neste sitio comezou arredor do ano 1150 a.C., época da que datan a meirande parte das esculturas e elementos arquitectónicos que caracterizan a cultura olmeca, moitos dos cales se conservan no lugar. San Lorenzo foi saqueada no ano 900 a.C., e as esculturas monumentais sufriron un intento de destrución; algunhas enterráronse e outras foron trasladadas ao centro cerimonial.
La Venta foi o centro cerimonial máis importante dos olmecas. Esta antiga cidade distínguese por representar o primeiro trazado arquitectónico planificado no antigo México, a súa arquitectura monumental de terra, o seu grande acervo escultórico e as súas ofrendas de xade, ademais de polas súas ofrendas masivas, únicas no mundo precolombiano. Nos arredores da La Venta atopáronse vestixios culturais que datan de 1750 a.C., aínda que a ocupación principal se concentra entre o 1200 e o 400 a.C.[2] Conta coa pirámide máis antiga de Mesoamérica e tamén se atoparon cabezas colosais e tronos que merecen especial recoñecemento polo feito de que para construílas tiveron que transportar os enormes bloques de basalto desde a Serra dos Tuxtlas, a decenas de quilómetros de aí, xa que por ser unha zona pantanosa e areosa, non había pedras. Crese que puido chegar a acoller ata 20 000 habitantes.
O centro cerimonial de Tres Zapotes foi o último que se desenvolveu. É o máis coñecido porque foi o que sobreviviu ata unha época máis próxima, mais a civilización olmeca que se desenvolveu aquí foi unha cultura xa en decadencia, non o esplendor que viviu nos centros cerimoniais anteriores.
Estes centros cerimoniales tiñan función de cidades, e neles construíronse edificacións de terra e adobe, polo que perduraron poucos restos. Construíronse montículos con templos na parte superior, o que podía considerarse un precursos das pirámides mesoamericanas. Tamén construíron edificacións arredor de patios centrais, característicos das civilizacións posteriores na zona. Desde 900 a.C. existen probas de bruscos cambios políticos, como amosa o intento de destrución dalgunhas cabezas olmecas.
Se para a maioría dos especialistas como Michael D. Coe ou Richard Diehl a cultura olmeca é orixinaria da costa do Golfo (ZMO: Zona Metropolitana Olmeca), para a escola francesa promovida por Christine Niederberger[3] e desenvolvida en particular por Caterina Magni,[4] a cultura olmeca aparece como un conxunto multiétnico e plurilingüístico que se estende sobre a maior parte de Mesoamérica desde 1200 ata 500 a.C.
A economía dos olmecas estaba baseada nos produtos agrícolas, cos que comerciaban, tanto entre eles como con outros pobos veciños, sobre todo cos pobos nómades ou con pobos tan afastados xeograficamente deles como os pobos de Guatemala ou do México central, os obxectos de intercambio principalmente eran o cultivo do millo, ademais dos feixóns, a cabaza e o cacao entre outros.
A súa relixión desenvolveu todos os temas importantes que se atoparon nos cultos posteriores. Tiñan unha relixión politeísta, gran número dos seus deuses estaba relacionados coa agricultura e outros elementos como o sol, a auga, os volcáns, os animais etc.
O centro das súa relixión e culto é o xaguar, que aparece representado na iconografía olmeca. É representado coa característica boca olmeca, de forma trapezoidal, coas comisuras cara a abaxio e o beixo superior moi groso. En moitos casos con cairos moi pronunciados e o cranio fendido. Sempre aparece representado do mesmo xeito. Non se sabe que tipo de deus puido ser, mais crese que puido ser a orixe do deus da chuvia que se desenvolverá posteriormente en moitos puntos de Mesoamérica.
Hai moitos animais considerados deuses, como o caimán, os sapos ou os réptiles, todos animais da zona. Normalmente, aparecen mesturados enter eles, cabezas duns e corpos doutros, creando seres mitolóxicos. En ocasións para as súas representacións relixiosas tenden á abstracción, co que non se sabe exactamente que puideron significar.
Crese que puido ser unha relixión dinástica; os seus deuses estarían relacionados directamente cos gobernantes, con señores dos centros cerimoniais, gobernantes con poderes sobrenaturais, descendentes directos das divindades.
É unha relixión complexa, que aínda non se conseguiu descifrar. Porén, crese que puido ter toda unha doutrina aceptada polo pobo, para xustificar, explicar e lexitimar as liñaxes gobernantes, as desigualdades sociais, as forzas sobrenaturais e establecer vínculos entre estas e os gobernantes. A relixión estaría institucionalizada, cun corpo doutrinal e un panteón. Deste xeito, tamén os líderes gobernamentais empregaban un símbolo dunha figura animal para identificarse.
Como a cultura olmeca foi a primeira civilización de Mesoamérica, especúlase que moitos logros mesoamericanos tiveron lugar por primeira vez no seo desta cultura. Entre outras cousas, acredítase aos olmecas o desenvolvemento do calendario, a escritura e a epigrafía.
Antes dos descubrimentos de 2002, o corpus principal de inscricións longas constaba dunha docena de inscricións epigráficas, todas elas datadas entre 300 a.C. e 530 d.C.[5] En 2002, descubriuse unha inscrición que data de 650 a.C.,[6] e en 2007 outra de 900 a.C.,[7] que supera en antigüidade á escritura zapoteca e converte a escritura olmeca na máis antiga de América.
Atopáronse certas inscricións nalgunhas estelas que conteñen glifos. Segundo algúns historiadores, unha destas estelas conta a vida dun gobernante, mais aínda non obtén a unanimidade da comunidade internacional. Entre 1991 e 1994 os lingüistas Terrence Kaufman e John Justeson levaron a cabo un traballo de desciframento que os levou a identificar a lingua das inscricións olmecas como unha lingua mixe-zoque, en particular unha lingua antecesora do proto-zoque e polo tanto emparentada de modo algo máis afastado co proto-mixe. Este desciframento mostra que os glifos de feito fan parte dun silabario.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.