Oligótrofo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un oligótrofo (do grego ὀλίγος, oligos, pouco, e τροφικός, trofikós, alimentación) é un organismo que pode vivir nun ambiente que ofrece niveis moi baixos de nutrientes. O termo está en contraposición con copiótrofo, que se aplica aos organismos adaptados a vivir en ambientes ricos en nutrientes. Os oligótrofos caracterízanse por un lento crecemento, baixas taxas metabólicas, e xeralmente baixas densidades de poboación. O adxectivo oligotrófico aplícase aos medio ambientes nos que hai poucos nutrientes para sustentar a vida, aos organismos que sobreviven neses ambientes, ou ás adaptacións que permiten a súa supervivencia. A oligotrofia é a cualidade que teñen os medios con escaseza de nutrientes.
Son ambientes oligotróficos, por exemplo, os sedimentos mariños profundos, cavernas, xeo polar ou glaciario, solo profundo, acuíferos, augas oceánicas e solos lixiviados.
Exemplos de organismos oligotróficos son o anfibio Proteus anguinus, que vive en cavernas, a bacteria, Pelagibacter ubique, que é o organismo máis abundante no océano que pode chegar a constituír a metade de todas as células presentes na superficie das augas dos océanos temperados, e os liques, que teñen unha taxa metabólica extremadamente baixa.