Occitanismo[1] é o vocábulo ou construción idiomática da lingua occitana adoptado por outra lingua.
Como o idioma de Occitania está formado por variedades diferentes, algúns dos cales, se usaran como lingua de cultura, pódese ás veces falar por exemplo de provenzalismos ou de gasconismos, segundo proveñan dunha ou doutra variedade, ou ben de calquera outra (limusino, languedociano etc.). Porén o nome máis difundido para abranguer o conxunto é, desde finais do século XIX, o de occitano para a lingua e Occitania para o conxunto de países que o falan.
Empréstimos directos
A grande influencia dos trobadores occitanos, e especialmente provenzais, fixo que fose durante o período medieval cando entrou na sistema lingüístico galaico-portugués o maior número de occitanismos. A corte real e as pequenas cortes nobiliarias que sostiñan a trobadores e segreis deberon axudar a difundir os occitanismos. Porén, boa parte dos occitanismos deberon entrar por vía popular, e foron sen dúbida os máis resistentes, porque segundo moitos dos recollidos a través de vía culta non perduran, si o fan os que entraron pola lingua do pobo. Sen dúbida nesa vía influíron os asentamentos dos coñecidos como francos en xeral, pero que en realidade englobaba a todo tipo de xentes vindo de alén dos Pireneos, incluíndose como tales desde os francos propios, é dicir, os franceses de lingua de Oil, até alemáns a italianos, e, naturalmente, unha fracción importante procedería das diferentes rexións que forman hoxe o sur de Francia. Estes empréstimos occitanos serían directos.
Empréstimos indirectos
Porén, outra vía de entrada de occitanismo foi o empréstimo indirecto, é dicir a través doutra lingua que o tivese adoitado antes. Desta forma, principalmente a través do francés, catalán ou castelán, ou desde Portugal.
O declinio da cultura occitánica, segundo finaliza a Idade Media, leva ao esmorecemento da súa influencia lingüística, e con ela á entrada de empréstimos desa orixe no galego. Serán escasos os que entren posteriormente.
Formas cultas
Nos poemas dos cancioneiros aparecen provenzalismos como: cor "corazón, sentimento" < cor ; cós "corpo; cintura" < cors; estornudar "esbirrar" < estornudar; facistol < faldestol ; lousinhar "louvamiñar" <lauzenjar ; maloutia "doenza" < maloutia e malaptia ; mege "médico" < metge ; parlar "falar sen sentido" < parlar ; poncela "doncela" < puncela ; prez "valor, prezo" < pretz ; senher "señor" < senher ; toste "axiña" < tost. Na maior parte estes vocábulos son considerados arcaísmos ou están rexeitados no vocabulario normativo[2].
Occitanismos populares
Entre os empréstimos occitanos entrados por vía semiculta ou popular, poden citarse: Bailar "danzar" < ballar ; badoco "rústico, ordinario" < badóc ; badulaque "que fala sin sentido" < badaluc "bobo" ; barril ; bosque < ant. bosco < bosc ; besugo "tipo de ollomol" < besuc[3]; capelán < occ. ant. capelán e gascón caperáa ; cascabel < cascavel ; caurel / courel "bordo de embarcación" < cairel ; funil < fonilh ; grecha "fenda" < grepcha ; malvado < malvat ; mantel < polo catalán mantell ;; monxe < monje ; rousinol (e a variante reiseñor) "un paxaro" < rossinhol ; tirizol "toromelo, orizó" < tersol ; xornada < jornada e xornal e o seu sinónimo xorne.
Corresponden ás voces entradas tardiamente, cando as relacións directas entre Galicia e Occitania eran escasas: Barrica < barrique ; bolo, xogo ; cadete < capdet, polo francés cadet ; cariz "aspecto" < caraitz, polo catalán carís ; foraxido < foreissit, posibelmente polo castelán forajido ; garatuxa e garatusa "carantoña" < gratuza, polo castelán garatusa ; garlopa < garlopo ; gris < gris ; lacaio < lacai ; patio < pati ; lanzol "especie de manta" < lensol, polo portugués lençol ; potingue < poutingo, polo francés, catalán e castelán.
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.