Concepto de especie
From Wikipedia, the free encyclopedia
O concepto de especie é a definición de especie biolóxica, pero non é doada de definir e recoñécense polo menos 26 conceptos de especie.[1] Esta variedade de definicións fan que xurda o problema da especie, que é o conxunto de cuestións que se orixinan cando se intenta definir en bioloxía que é unha especie. Un concepto de especie que funciona ben para organismos que se reproducen sexualmente como as aves non é útil para as especies que se reproducen asexualmente, como as bacterias. O estudo científico do problema da especie foi denominado microtaxonomía.[2]
Unha cuestión común, pero ás veces difícil, é cal é a mellor maneira de decidir a que especie pertence un organismo, porque os grupos illados reprodutivamente pode que non sexan doadamente recoñecibles e poden conter especies crípticas. Nas especies obsérvase unha gradación continua desde o illamento reprodutivo (sen hibridación) á panmixe (hibridación ilimitada). As poboacións poden moverse cara a adiante ou atrás neste continuo, e nalgún punto cumpren os criterios dalgún dos diversos conceptos de especie e incumpren os doutros.
Moitos dos debates sobre a especie tocan aspectos filosóficos, como o nominalismo e o realismo, e tamén aspectos relativos á linguaxe e a cognición.
O significado actual da expresión "problema da especie" é bastante diferente do que utilizaba Charles Darwin e doutros significados que se lle deron durante os séculos XIX e XX.[3] Para Darwin, o problema de especie foi a cuestión de como se orixina unha especie. Porén, Darwin foi unha das primeiras persoas en cuestionar ata que punto estaban ben definidas as especies, dado que están en constante cambio debido á evolución.
[...] Estaba moi sorprendido do enteiramente vaga e arbitraria que é a distinción entre as especies e variedades.[4]