Complexo de especies
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía, un complexo de especies é un grupo de especies estreitamente relacionadas que teñen unha aparencia moi similar ata o punto que os límites entre elas adoitan ser pouco claros. Outros termos usaos ás veces como sinónimos pero con significados máis precisos son: especie críptica (dúas ou máis especies ocultas baixo un mesmo nome específico), especies fraternas (dúas especies crípticas que son entre si os parentes máis próximos), e rabaño de especies (ou species flock, grupo de especies estreitamente relacionadas que viven no mesmo hábitat). Como categorías taxonómicas informais úsanse tamén grupo de especies, agregado de especies e superespecie.
Dous ou máis taxons que foron unha vez considerados conespecíficos (da mesma especie) poden despois ser subdivididos en taxons infraespecíficos (taxóns dentro dunha especie, como cepas bacterianas ou variedades de plantas), pero isto non é un complexo de especies.
Un complexo de especies é na maioría dos caos un grupo monofilético cun antepasado común, aínda que hai excepcións. Pode representar un estadio inicial despois de iniciada a especiación, pero poden tamén ter estado separándose durante un longo período sen que evolucionasen diferenzas morfolóxicas. A especiación híbrida pode ser un compoñente na evolución dun complexo de especies.
Os complexos de especies existen en todos os grupos de organismos. Identifícanse por medio de rigorosos estudos das diferenzas entre as distintas especies, utilizando pequenos detalles morfolóxicos, probas de illamento reprodutivo, ou métodos baseads no ADN como a filoxenética molecular ou o código de barras de ADN. A existencia de especies extremadamente similares pode causar que se subestime a diversidade de especies local e global. O recoñecemento de especies similares pero distintas é importante para o control de pragas e enfermidades, e en bioloxía da conservación, aínda que trazar as liñas que separan unha especie doutra pode ser difícil por natureza.