Eladio Rodríguez[1] asegura que en Galicia se di que a femia do cuco pon os seus ovos nos niños alleos porque ela non pode chocalos, debido a que o seu peito non transmite a calor necesaria. Este feito fai que se considere esta ave como o símbolo do egoísmo, e representación da infidelidade conxugal.
Dise tamén que o cuco sabe enganar ás outras aves e que a súa chegada é o anuncio da primavera. Se, cando vén, faino voando sobre os montes, augura boa colleita, pero se o fai sobre terras sementadas, a colleita será mala [2].
Outra crenza relacionada co cuco é que quen escoita o seu canto en xenún terá moita sorte e vivirá moitos anos; pero que se o canto do cuco lle colle estando aínda na cama, terá preguiza durante todo o verán. Cando os rapaces van ós niños coidan de non falar nada de nada para que o cuco non o descubra e coma os ovos; igualmente, se logo falan do niño entre si non mencionan os ovos polo seu nome, senón baixo o nome de seixos, co mesmo obxectivo de que o cuco non saiba deles.
Cuco: peixe, escacho (Trigla cuculus, agora Chelidonichthys cuculus). O peixe emite un lixeiro ronquido que lembra ó canto do cuco; nótese que o nome científico inclúe o cualificativo cuculus[3].
Cuco rei: un dos múltiples nomes que recibe a xoaniña (Coccinella septempunctata). As mozas que queren casar colocan este insecto na palma da man e din: "cuco-rei, cuco-rei, ¿por onde amores terei?", e segundo a dirección que tome cando arranque a voar, cren de por alí virá o noivo esperado. Tamén lle preguntan os rapaces polos anos que van cumprir: colócanlle na palma da man e pregúntanlle: "cuco-rei, cuco-rei, ¿cántos anos vivirei?", e axiña comezan a contar apresuradamente, de forma que cren que o número ó que chegaran cando a xoaniña arranca a voar, serán os anos que vivirán [1].
Mel de cuco: planta cuxa flor chuchan os rapaces por acumular un líquido doce coma o mel. Tamén, o zume que deitan os troncos dalgunhas árbores froiteiras e que seca sobra a casca [10].
Pan de cuco: planta chamada aleluia (Oxalis acetosella)[8].
Pan de cuco, pan do cuco: herba leguminosa (Vicia hirsuta, Vicia sativa) [8].
Denomínase acucar e encucar sufrir unha vaca un edema mamario, e a enfermidade como acucamento ou ubre acucado. Tradicionalmente, os gandeiros atribúen este proceso á abundancia de leite que lles vén cando chega o cuco, época que coincide co maior crecemento da herba na primavera [12]. Un gandeiro de Dozón recibía tranquilo o diagnóstico do veterinario porque estaba seguro de que en canto pasara o tempo do cuco, xa lle pasaría a doenza á vaca [13].
Estar contento coma un cuco
Máis contento que un cuco
Onde canta o cuco: dise despectivamente dunha leira que está moi lonxe do lugar [14].
Ouviu cantar máis de catro cucos: dise dunha persoa entrada en idade [1].
Por mala parte véuche o cuco: dise ante unha noticia que non merece creto [14].
Ser coma un cuco: ser listo, espelido.
Ser máis listo ca un cuco: ser moi habilidoso e espelido.
Pedro Benavente e Xesús Ferro Ruibal: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2010.
Xaquín Lorenzo Fernández, 74. No orixinal: Rueguas. Xaquín Lorenzo di que a forma oficial é Venceás, aínda que os veciños digan Véncias, pero no Nomenclátor atopamos Venceáns (San Tomé), parroquia do concello de Entrimo. Na parroquia só hai os tres lugares ós que fai mención a cantiga: Queguas, Vilar e Venceáns.
Xaquín Lorenzo Fernández, 229. No orixinal: pola, de un. Recollido en Fontefría, que Xaquín Lorenzo non identifica pero que probablemente sexa a parroquia do concello de Amoeiro.
Xaquín Lorenzo Fernández, 138. No orixinal: ouvíu. O cuco e a bubela volven a Galicia nas súas migracións na mesma época, por iso quen escoita un, escoita a outra. Parouvela non se recolle nos dicionarios.
PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp.19–52.
PINTOS VILLAR, Xoán Manuel: Vocabulario gallego-castellano (1865), ed. de Margarita Neira e Xesús Riveiro, A Coruña, Real Academia Galega 2000.
RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.