Non teísmo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O non teísmo é unha definición que se refire as correntes espirituais ou filosóficas que non discorren ou mencionan a crenza nun Deus creador ou absoluto. Diferénciase do ateísmo no que os non teístas poden aceptar[1] conceptos espirituais como a crenza en entidades superiores ou espíritos, aínda que estes son vistos xeralmente como seres non absolutos que evolucionan e cambian. O filósofo Anthony Kenny distingue os agnósticos, que atopan a premisa «Deus existe» descoñecida, dos non cognotivistas (os non teístas).[2]
Algúns sistemas de crenzas non teístas son o budismo, o xainismo, o taoísmo e o confucianismo. Aínda que o budismo ten un vasto número de escrituras e prácticas, o núcleo do mesmo, as Catro nobres verdades e o Nobre camiño óctuple, son distinguidas no mundo por non ter mención algunha de deuses ou algunha noción de veneración. Son puramente éticas meditativas e directrices baseadas nas verdades do sufrimento psicolóxico debido á impermanencia.
Algúns pensadores tenden a cualificar a ensinanza budista como agnóstica por presuntamente "non negar nin aceptar a existencia dun Deus creador". Certamente, diferentes textos budistas deixan implícito que Gautama Buda negaba a existencia dun Deus creador, polo que o budismo non podería ser considerado agnóstico. Exemplo desta negación dunha divindade creadora pode verse no Brahmajala-sutra.[3]
Algo similar acontece co xainismo, relixión moi achegada ao budismo, que de xeito análogo nega expresamente a crenza nun deus creador.[4]
Aínda que o budismo e o xainismo son consideradas relixións non teístas, estas si aceptan a crenza en realidades espirituais, como o renacemento, os milagres e o karma, e na existencia de seres espirituais, como espíritos e deidades. En resumo, ambas non poden considerarse ateístas (ao aceptar, por exemplo, esa existencia de deuses, malia non ser vistos como creadores) nin agnósticas (ao aceptar como certa a crenza en conceptos espirituais como o karma).[1] En xeral, budistas e xainistas non renden culto aos deuses que son vistos como de natureza non permanente. As súas deidades son seres iluminados que alcanzaron a Iluminación, como os Tirthankar e os Budas,[5] o seu trato a estes difire moito do concepto tradicional occidental de deidade.