Nanotecnoloxía
campo das ciencias aplicadas dedicado ao control e manipulación da materia a unha escala menor que un micrómetro / From Wikipedia, the free encyclopedia
A nanotecnoloxía é a manipulación da materia a escala nanométrica. A máis temperá e difundida descrición da nanotecnoloxía[1][2] refírese o obxectivo tecnolóxico particular de manipular en forma precisa os átomos e moléculas para a fabricación de produtos a macroescala, agora tamén referida como nanotecnoloxía molecular. Subsecuentemente unha descrición máis xeneralizada da nanotecnoloxía foi establecida polo National Nanotechnology Initiative, no que define a nanotecnoloxía como a manipulación da materia de polo menos unha dimensión do tamaño de entre 1 a 100 nanómetros. Esta definición reflicte o feito de que os efectos mecánico cuánticos son importantes a esta escala do dominio cuántico e, así, a definición cambiou desde unha meta tecnolóxica particular a unha categoría de investigación incluíndo todos os tipos de investigación e tecnoloxías que teñen que ver coas propiedades especiais da materia que ocorren baixo certo limiar de tamaño. É común o uso da forma plural de "nanotecnoloxías" así como "tecnoloxías de nanoescala" para referirse ao amplo rango de investigacións e aplicacións cuxo tema en común é o seu tamaño. Debido á variedade de potenciais aplicacións (incluíndo aplicacións industriais e militares), os gobernos investiron miles de millóns de dólares en investigación da nanotecnoloxía. A través do seu programa National Nanotechnology Initiative, os Estados Unidos investiu 3,7 mil millóns de dólares. A Unión Europea investiu 1,2 mil millóns e o Xapón 750 millóns de dólares.[3]
Nano é un prefixo grego que indica unha medida (10−9 = 0,000 000 001), non un obxecto; de xeito que a nanotecnoloxía caracterízase por ser un campo esencialmente multidisciplinar, e ligado exclusivamente pola escala da materia coa que se traballa.
A nanotecnoloxía definida polo tamaño é naturalmente un campo moi amplo, que inclúe diferentes disciplinas da ciencia tan diversas como a ciencia de superficies, química orgánica, bioloxía molecular, física dos semicondutores, almacenamento de enerxía,[4][5] microfabricación etc.[6] As investigacións e aplicacións asociadas son igualmente diversas, indo desde extensións da física dos dispositivos a novas aproximacións completamente novas baseadas no autoensamblaxe molecular, desde o desenvolvemento de novos materiais con dimensións na nanoescalas ao control directo da materia a escala atómica.
Hoxe en día os científicos están debatendo o futuro das implicacións da nanotecnoloxía. As súas funcións son moi diversas: empréganse para medir ou detectar, para inducir procesos físico-químicos, como compoñentes de múltiples dispositivos (p.ex pantallas de cristal líquido) etc. Así mesmo os seus campos de aplicación van desde á microelectrónica, á biomedicina (p.ex. nanocápsulas liberadoras de fármacos, nanobiosensores etc.) e produción de enerxía. Por outra banda, a nanotecnoloxía fai xurdir as mesmas preocupacións que calquera nova tecnoloxía, incluíndo preocupacións achega da toxicidade e o impacto ambiental dos nanomateriais,[7] e os seus potenciais efectos na economía global, así como especulacións achega de varios escenarios apocalípticos. Estas preocupacións levaron ao debate entre varios grupos de defensa e gobernos sobre se se requireén regulacións especiais para a nanotecnoloxía.