museo etnográfico en Codesedo (Doade, Lalín) From Wikipedia, the free encyclopedia
O Museo Etnográfico Casa do Patrón é un museo rural situado no lugar de Codesedo (Doade, Lalín). Ten máis de 2000 m² de exposición, distribuída en tres edificios. É o primeiro museo etnográfico da comarca do Deza. Foi fundado por Manuel Blanco Vilar, e inaugurado o 19 de abril de 1996.
O nome de Casa do Patrón débese a que a vivenda pertencía a unha das familias máis adiñeiradas da zona. Nun primeiro momento contaba cuns 150 apeiros. Os fondos foron aumentando con doazóns e compras simbólicas.
O museo Casa do Patrón organiza diversas actividades ao longo do ano, co obxectivo de manter viva a tradición e recuperar prácticas do pasado que se están a perder, como a sega do cereal, a malla, a matanza ou o magosto.
En 2018 tiña máis de 4500 pezas relacionadas con 85 oficios tradicionais e contaba con 13 salas, organizadas de forma temática:
A cociña tradicional: exposición de utensilios de uso doméstico, propios da cociña dunha vivenda tradicional de Galicia, como unha lareira de pedra, louza da época, baldes para ir buscar auga ou candís.
As habitacións: dedicada fundamentalmente á evolución dos dormitorios e á exposición de utensilios de uso doméstico como as camas, os lavabos, a roupa e accesorios da vestimenta da época.
Oficios tradicionais: exposición de equipos e ferramentas de varios oficios, como afiador, zapateiro, zoqueiro, serrachín ou ferreiro.
O liño: abarca o proceso completo do liño. Pódese observar a planta do liño tal como se arranca da terra e os distintos útiles polos que pasa ata converterse en tea. Cabe destacar entre outros apeiros un tear con máis de trescentos anos de antigüidade, así como unha urdideira ou unha roca de fiar.
A taberna: recreación dunha taberna, sitio que funcionaba como lugar de encontro, onde se xuntaban xeralmente homes para tomar viño ou xogar ás cartas.
Procesos agrícolas: móstranse numerosos procesos do mundo da agricultura, como pode ser a elaboración do viño ou do pan, analizando todos os pasos dende o momento de sementar ata o cocido no forno tradicional.
Agricultura e gandería: ligada coa anterior, inclúe todo tipo de apeiros relacionadas coa temática do espazo, como carros, xugos ou arados de diversas zonas do rural galego.
Carpintería e cantería: un taller de carpintería, con todas as ferramentas propias deste traballo, e material típico dos canteiros.
Cestería, olería e matanza: exposición de cestos e pezas de barro, clasificadas en función das súas características marcadas pola zona de procedencia da xeografía galega.
Barbería, fotografía e iluminación: pezas de iluminación, dende candís ata as primeiras pezas eléctricas. Mostra relacionada co mundo da fotografía, con cámaras de placas, flash, etc. Tamén hai unha representación dunha barbería antiga, con cadeiras, navallas de afeitar ou máquinas de cortar o pelo.
Relixión e menciña: representación dunha capela coa correspondente vestimenta de sacerdote ou santos. No mesmo espazo tamén hai utensilios do mundo da menciña.
A escola: reprodución dunha antiga escola rural con pupitres, tinteiros, plumas, encerado, libros e mapas da época.
Restos arqueolóxicos do Castro de Doade: vitrinas que albergan os restos arqueolóxicos máis relevantes localizados no castro de Doade, complementados con láminas explicativas.
Bibliografía
Blanco, M. (2018). A Casa do Patrón. O gran ecomuseo do mundo rural galego