Copa do Mundo de Fútbol
torneo deportivo internacional / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Copa do Mundo da FIFA, tamén coñecida como Campionato Mundial de Fútbol ou Mundial de Fútbol, é un torneo internacional de fútbol, organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo conta con dúas fases principais, un proceso clasificatorio onde os países compiten agrupados por diferentes confederacións continentais, chegando na edición de 2010 a 204 participantes, e unha fase final nunha sede designada pola organización na que participan 32 seleccións nun período aproximado dun mes.
Nome na lingua orixinal | (en) FIFA World Cup |
---|---|
Tipo | competición internacional de seleccións de fútbol |
Organizador | FIFA |
Localización e Datas | |
Vixencia | 1930 – |
Período de ocorrencia | 4 (1930–valor descoñecido) |
Outro | |
Cancelo | #FIFAWorldCup |
Páxina web oficial | fifa.com… |
A primeira edición do Mundial organizouse en 1930 no Uruguai, coa vitoria da selección anfitrioa, e dende entón foi celebrado cada catro anos coa excepción de 1942 e 1946 debido á segunda guerra mundial. A selección do Brasil é a selección que acadou máis títulos mundiais até o momento, con cinco, sendo tamén a única que participou en tódalas edicións. Trala selección brasileira sitúanse Alemaña e Italia, con catro títulos cada unha, a Arxentina, o Uruguai e Francia con dous e, cun só título, Inglaterra e España.
O torneo presenta unha forte dominación dos equipos europeos e suramericanos: os primeiros gañaron o título en 12 ocasións, mentres que os segundos en nove. Ademais tan só dous equipos doutras confederacións xeográficas teñen chegado ás semifinais: os Estados Unidos en 1930 e Corea do Sur en 2002. Ademais, o Brasil (en 1958 e 2002), España (en 2010) e Alemaña (en 2014) foron até o momento os únicos equipos que conseguiron gañar fóra do seu continente. A fase final da Copa do Mundo é o evento dunha soa disciplina máis seguido do mundo (a edición de 2002 foi vista por máis de 1.100 millóns de espectadores), e o segundo máis seguido en xeral tan só por detrás dos Xogos Olímpicos de Verán.