![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3c/Castillia.jpg/640px-Castillia.jpg&w=640&q=50)
Mouros
From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo mouros[1] refírese ós habitantes musulmáns do Magreb, da Península Ibérica, Sicilia e Malta durante a Idade Media, que orixinalmente eran de ascendencia bérber e árabe.[2][3][4] É un termo popular e coloquial, cuxo uso habitual pode ou non ter connotacións pexorativas. Os mouros non son un pobo autodefinido,[5] e os principais estudosos observaron en 1911 que "o termo 'Mouros' non ten valor etnolóxico."[6] Os europeos medievais e modernos empregaron o nome para facer referencia a árabes, bérberes, africanos do norte e musulmáns europeos.[7]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3c/Castillia.jpg/320px-Castillia.jpg)
No ano 711, os mouros invadiron a Península Ibérica dende o Norte de África e chamaron ó territorio Al-Andalus, que abranguía a meirande parte das actuais España e Portugal. Os mouros ocuparon Mazara en Sicilia no ano 827, desenvolvéndoa como un porto,[8] e posteriormente consolidáronse no resto da illa e en Italia. As diferenzas de relixión e cultura comportaron un conflito que durou por séculos cos Reinos Cristiáns de Europa, que tentaron recuperar o control das áreas musulmás. Este período foi coñecido como Reconquista. En 1224, os musulmáns foron expulsados dende Sicilia até o asentamento de Lucera, que foi destruído polos cristiáns en 1300. A caída de Granada en 1492 marcou o final do dominio musulmán na Península Ibérica.