Mixozoos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os mixozoos, nome científico Myxozoa (do grego μύξα myxa, 'limo' ou 'moco'[1] + vocal temática o + ζῷον zoon, 'animal'[2]), son un grupo xeralmente considerado subfilo de animais cnidarios acuáticos parasitos obrigados, que comprende os animais máis pequenos que se coñecen. Describíronse unhas 2 180 especies[3] e algunhas estimacións suxeriron que debe de haber polo menos 30 000 especies máis aínda non descubertas.[4] Moitos mixozoos teñen un ciclo de vida no que pasan por dous hóspedes, entre os que están peixes, anélidos ou briozoos. O tamaño medio das esporas dos mixospóreos adoita ser de entre 10 e 20 μm,[5] mentres que a espora dos malacospóreos (un subclado dos Myxozoa) pode chegar aos 2 mm. Os mixozoos poden vivir tanto en auga doce coma en hábitats mariños.
Myxozoa | |||||
---|---|---|---|---|---|
![]() Estado Triactinomyxon de Myxobolus cerebralis | |||||
Clasificación científica | |||||
| |||||
Clases | |||||
|
Aínda que a historia evolutiva dos mixozoos é aínda un campo moi activo de investigación, agora compréndese que son un grupo de cnidarios altamente diferenciado que sufriu unha evolución radical a partir de criaturas de tipo medusa que eran nadadoras libres e autosuficientes, converténdose nos parasitos obrigardos que hoxe son, formados simplemente por unhas poucas células.[6] Dado que os mixozoos evolucionaron transformándose en parasitos microscópicos, perderon moitos dos xenes responsables do desenvolvemento multicelular, a coordinación, a comunicacón entre células e, nalgúns casos, a respiración aerobia.[7] Os xenomas dalgúns mixozoos están agora entre os xenomas máis pequenos de todas as especies animais coñecidas.[8]