From Wikipedia, the free encyclopedia
Os mineralocorticoides son unha clase de hormonas esteroides caracterizadas pola súa semellanza coa aldosterona e a súa influencia no equilibrio de sales e auga no corpo. Utilizan un receptor de mineralocorticoides intracelular.
O nome mineralocorticoide deriva das primeiras observacións sobre a función destas hormonas, que estaban implicadas na retención do sodio, un compoñente mineral do noso organismo. O principal mineralocorticoide endóxeno é a aldosterona, aínda que existen outras hormonas endóxenas que teñen función mineralocorticoide, como a desoxicorticosterona ou mesmo a proxesterona.
A aldosterona actúa sobre os riles para orixinar unha activa reabsorción de sodio e unha absorción pasiva asociada de auga, e unha activa secreción de potasio [1] nas células principais dos túbulos colectores corticais dos riles e unha secreción activa de protóns polas ATPases na membrana luminal das células intercalares do túbulo colector. Isto á súa vez causa un incremento da presión arterial e do volume sanguíneo.
A aldosterona é producida no córtex da glándula suprarrenal e a súa secreción está mediada principalmente pola anxiotensina II [2] pero tamén pola hormona adrenocorticotropa (ACTH) e os niveis locais de potasio.
A aldosterona foi descuberta en 1953 por Simpson e Tait. [3][4]
O precursor dos mineralocorticoides é o colesterol. A biosíntese da aldosterona realízase por unha serie de modificacións encimáticas nas que o colesterol orixina primeiro pregnenolona, que se deshidroxena formando proxesterona, que despois se hidroxila sucesivamente para formar primeiro a desoxicorticosterona (DOC) e de novo no carbono 11 para orixinar a corticosterona, precursor común das hormonas corticoides. A corticosterona é oxidada na posición 18 pola aldosterona sintase para dar lugar finalmente á aldosterona. A aldosterona é a principal hormona mineralocorticoide no home, pero nos roedores este papel exérceo a corticosterona. Estas reaccións son efectuadas por encimas citosólicos ou mitocondriais da familia do citocromo P450.[2]
Os efectos dos mineralocorticoides están mediados por un receptor intracelular, que actúa no núcleo, e por mecanismos asociados a cascadas sinalizadoras.
Os mineralocorticoides únense a un receptor de mineralocorticoides citosólico. O receptor actívase ao unirse ao seu ligando (a hormona). Despois de que a hormona se une ao seu receptor, o complexo que forman ambos diríxese ao núcleo celular, onde se une no ADN a moitos elementos de resposta ás hormonas situados na rexión promotora de certos xenes, que son a diana da hormona e que se activarán xerando unha serie ded accións na célula.
O mecanismo oposto chámase transrepresión. O receptor da hormona sen o seu ligando interacciona con certas proteínas (heat shock proteins) e impide a transcrición dos xenes diana, que quedan inactivos.
A aldosterona e o cortisol (un glicoesteroide) teñen unha afinidade similar polo receptor mineralocorticoide; porén, os glicocorticoides circulan a unhas concentracións unhas 100 veces maiores ca a dos mineralocorticoides. Nos tecidos diana dos mineralocorticoides existe un encima que impide a sobreestimulación dos glicocorticoides. Este encima é o 11-beta hidroxiesteroide deshidroxenase tipo II (Proteína:HSD11B2), e cataliza a desactivación dos glicocorticoides a metabolitos 11-deshidro. A regalicia é un inhibidor deste encima e o seu consumo crónico pode orixinar unha condición chamada pseudohiperaldosteronismo.
O hiperaldosteronismo (a síndrome causada por niveis altos de aldosterona) orixínase xeralmente por cánceres suprarrenais. Os dous principais problemas que causa son:
A baixa produción de aldosterona ou hipoaldosteronismo, causa o estado de perda de sales minerais asociado coa enfermidade de Addison, aínda que outras enfermidades como a hiperplasia adrenal conxénita pode orixinar tamén esta situación.
Un exemplo de mineralocorticoide sintético é a fludrocortisona [5] (Florinef). Uns importantes inhibidores dos mineralocorticoides son a espironolactona e a eplerenona.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.