Migración das aves
movemento estacional das aves / From Wikipedia, the free encyclopedia
A migración das aves é o movemento regular estacional que fan moitas especies de aves, xeralmente na dirección norte-sur/sur-norte seguindo unha ruta de voo, entre os seus territorios de cría e os de invernada. Moitas especies de aves migran, o que lles supón un custo en predación e mortalidade, incluíndo a caza polos humanos. A migración está impulsada principalmente pola dispoñibilidade de comida, aínda que tamén inflúen outros factores. Ocorre principalmente no hemisferio norte, onde as aves canalizan a súa migración por rutas específicas determinadas por barreiras naturais como o mar Mediterráneo ou o Caribe.
A migración de especies como cegoñas, rulas, e andoriñas foi rexistrada desde hai máis de 3 000 anos por autores da Antiga Grecia, como Homero e Aristóteles e no Libro de Xob da Biblia. Máis recentemente, Johannes Leche empezou a rexistrar os datos das chegadas de migrantes primaverais en Finlandia en 1749, e os modernos estudos científicos utilizan técnicas como o anelamento de aves e o rastreo por satélite para coñecer o movemento das aves migrantes. As ameazas que afrontan as aves migratorias aumentaron coa destrución de hábitats especialmente nos sitios de parada e de invernada, e coa proliferación de estruturas como liñas de alta tensión e muíños para producir enerxía eólica.
O carrán ártico ten a mellor marca de migración a longa distancia, xa que viaxa entre os seus territorios de cría no Ártico e Antártico todos os anos. Algunhas especies de aves con tubos nasais (Procellariiformes) como os albatros circundan a Terrra, voando sobre os océanos do sur, mentres que outras como as pardelas furabuchos migran 14 000 km entre os seus territorios de cría do norte e os océanos do sur. As migracións máis curtas son moi comúns, entre elas están as migracións altitudinais en montañas como os Andes e os Himalaias.
O momento en que se produce a migración parece que está controlado principalmente polos cambios na duración do día. As aves migrantes navegan usando pistas celestes como a posición do Sol e as estrelas, e tamén usan o campo magnético terrestre e mapas mentais.