Meconio
From Wikipedia, the free encyclopedia
O meconio son as primeiras feces expulsadas polos mamíferos neonatos. A diferenza das feces expulsadas posteriormente, o meconio está composto de materiais que foron inxeridos durante o tempo que o feto pasou no útero, e contén células do epitelio intestinal, lanugo, mucus, líquido amniótico, bile, e auga. Pensábase ata hai pouco que o meconio era estéril, pero un equipo de investigadores da Universidade de Valencia, España, encontrou nel comunidades bacterianas ben desenvolvidas, que parecían ser de dúas clases. Arredor da metade das mostras parecían estar dominadas por bacterias que producían ácido láctico, como Lactobacillus, e a outra metade contiña principalmente bacterias da familia entérica, como Escherichia coli.[1] O meconio, a diferenza das feces posteriores, é viscoso e pegañento como alcatrán, a súa cor xeralmente é verde olivácea moi escura, pero é case inodoro. Cando se dilúe no líquido amniótico, pode ter tons verdes, castaños ou amarelos. O meconio debería ser expulsado completamente nos primeiros días de vida do neno, e as deposicións vanse facendo progresivamente máis amarelas (polo leite dixerido). O termo latino meconium deriva do grego μήκων, mēkōn, papoula, facendo referencia ao seu aspecto de alcatrán que pode lembrar certas preparacións de opio bruto, ou á crenza de Aristóteles de que inducía o sono no feto.[2]
Un síntoma da enfermidade de Hirschsprung e da fibrose quística é a imposibilidade de expulsar o meconio. Outras doenzas asociadas ao meconio son a síndrome de aspiración de meconio e o meconium ileus.
O meconio pode usarse para comprobar a exposición in utero a diversas drogas. Utilizando o meconio, un equipo de investigación canadense da Universidade de Toronto, demostrou que mesturando un subproduto do etanol (FAEE) podían detectar obxectivamente se os fetos estiveran expostos a unha inxestión excesiva de alcohol por parte da nai durante o embarazo.[3] En EEUU, os resultados das probas do meconio dun neonato poden orixinar a acción dos servizos de protección á infancia e outras autoridades legais.[4] O meconio pode analizarse para detectar o uso de tabaco pola nai durante o embarazo.[5]