![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d2/Marceli_%2528Popiel%2529.jpg/640px-Marceli_%2528Popiel%2529.jpg&w=640&q=50)
Markell Popel
From Wikipedia, the free encyclopedia
Markell Popel (en ucraíno: Маркелл Онуфрійович Попель; en ruso: Маркелл Онуфриевич Попель; en polaco: Marceli Popiel), tamén coñecido como Markian[1] e Markyl,[2] nado o 31 de decembro de 1821[3] ou 1825[1] en Halych ou Medukha e finado o 29 de setembro de 1903 en San Petersburgo (Imperio Ruso), foi un bispo da Igrexa ortodoxa rusa de orixe ucraíno.
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de decembro de 1825 ![]() Hálych ![]() |
Morte | 29 de setembro de 1903 ![]() San Petersburgo, Rusia ![]() |
Lugar de sepultura | Nikolskoe Cemetery of Alexander Nevsky Lavra (en) ![]() ![]() |
Bispo | |
![]() | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Imperio Austríaco ![]() |
Relixión | Igrexa católica e Igrexa ortodoxa ![]() |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote ![]() |
Naceu nunha familia greco-católica. Estudou e graduouse en Filosofía e Teoloxía, e logo de casar foi ordenado sacerdote en 1850. Durante o seu primeiro ano como sacerdote exerceu a súa actividade pastoral na parroquia de Buchach, entre 1851 e 1859 foi catequista no ximnasio de Ternopil, e até 1866 foi catequista en escolas de Lviv. Publicou libros de texto sobre liturxia e teoloxía moral orientados aos alumnos dos seminarios greco-católicos.
Dende 1854 participou no movemento rusófilo galiciano. Foi tamén un dos líderes do movemento ritualista en Galicia, no que demandou que todos os elementos de orixe latina foran eliminados da liturxia da Igrexa greco-católica; inicialmente avogou unicamente pola purificación do rito bizantino na Igrexa católica, pero co tempo foi adheríndose á idea de que a unión de Brest fora un acontecemento negativo para a poboación rutena, e que a súa relixión era a ortodoxa. En 1866 trasladouse a Chełm, onde traballou para popularizar a eliminación de influencias latinas no rito bizantino; desta forma, as autoridades tsaristas tentaron preparar o terreo para a completa disolución da unión no Imperio Ruso.
Popel asumiu con convicción as expectativas da administración tsarista, inicialmente como formador no seminario greco-católico de Chełm, e a partir de 1871 como administrador da eparquía de Chełm. En sucesivas circulares, ordenou a eliminación de elementos da liturxia greco-católica que non existían na liturxia da Igrexa ortodoxa rusa, e colaborou coa administración tsarista combatendo a resistencia aos cambios que exercía pate do clero e dos fieis da diocese. En 1874 anunciou a completa unificación das liturxias greco-católica e ortodoxa, e en 1875 formou parte da delegación do clero que pediu ao tsar Alexandre II a integración da eparquía de Chełm na Igrexa ortodoxa rusa.
Pola súa participación na supresión da derradeira administración greco-católica no Imperio ruso, o 8 de xuño de 1875 foi ordenado bispo auxiliar da eparquía ortodoxa rusa de Varsovia, co título de bispo de Lublin. En 1878, logo dun conflito co arcebispo de Varsovia Leontii Lebedinskii, foi trasladado á sé de Podolia e Bratslav, onde foi ordinario até 1882. Posteriormente, entre os anos 1882 e 1889 foi bispo de Polack e Viciebsk. Retirouse en 1889, mais continuou a exercer como membro do sínodo da Igrexa ortodoxa rusa, até o seu pasamento en 1903. Finou e foi enterrado en San Petersburgo.