![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/c3/Albrightmadeleine.jpg/640px-Albrightmadeleine.jpg&w=640&q=50)
Madeleine Albright
política e diplomática estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Madeleine Jana Korbel Albright,[1] nada como Marie Jana Korbelová en Praga o 15 de maio de 1937 e finada en Washington o 23 de marzo de 2022 foi unha política e diplomática estadounidense.[2][3][4] Foi a primeira muller secretaria de estado da historia do país, servindo entre 1997 e 2001 baixo a presidencia de Bill Clinton.[5]
Albright emigrou xunto coa súa familia aos Estados Unidos en 1948 dende Checoslovaquia. O seu pai, o diplomático Josef Korbel, estableceu a familia en Denver, e converteuse en cidadán estadounidense en 1957.[6][7] Albright graduouse no Wellesley College en 1959 e logrou o seu doutoramento na Universidade de Columbia en 1975, escribindo a súa tese sobre a primavera de Praga.[8] Traballou como axudante do senador Edmund Muskie antes de obter un posto con Zbigniew Brzezinski no Consello de Seguridade Nacional. Serviu no posto ata o final da presidencia de Jimmy Carter en 1981.[9]
Tras deixar o Consello de Seguridade Nacional, Albright uniuse ao claustro de profesores da Universidade de Georgetown e foi conselleira dos candidatos do Partido Demócrata en política exterior. Trala vitoria de Clinton en 1992 axudou a crear o Consello de Seguridade Nacional. En 1993, Clinton nomeouna embaixadora ante as Nacións Unidas, e mantívose no cargo ata 1997, cando sucedeu a Warren Christopher como Secretaria de Estado, continuando ata que Clinton deixou o cargo en 2001.
Albright serviu como xefa do Albright Stonebridge Group dende 2009, e é profesora de Diplomacia na Universidade de Georgetown.[10] En maio de 2012, recibiu a Medalla Presidencial da Liberdade do presidente Barack Obama.[11] Albright tamén foi directora da xunta do Consello de Relacións Exteriores.[12]