From Wikipedia, the free encyclopedia
A literatura da Restauración é o nome co que se coñece á literatura escrita en inglés durante o período coñecido como a Restauración inglesa (1660-1689), correspondente aos últimos anos do reinado da casa de Estuardo en Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda. O termo fai referencia a unha serie de obras, cun estilo relativamente homoxéneo, que se centran na celebración ou rexeitamento cara á restaurada corte de Carlos II. Engloba obras nalgúns casos totalmente opostas: O paraíso perdido de John Milton á beira de Sodoma de John Wilmot ou a comedia de William Wycherley A esposa do campo á beira da austeridade de O progreso do peregrino de John Bunyan.
Esta época, de gran efervescencia cultural, foi tamén a da creación da Royal Society, dos experimentos e meditacións de Robert Boyle e a dos ataques do bispo Jeremy Collier contra o teatro. A prensa escrita empezaba a xeneralizarse, mentres que o ensaio e a crónica convertíanse en formas literarias en expansión á vez que a economía bolsista facía a súa aparición.
Os límites cronolóxicos deste período non son máis que unha convención e varían de forma significativa segundo o xénero literario do que se trate. O teatro da Restauración, por exemplo, conserva unha influencia dominante ata 1700, mentres que a poesía declina a partir de 1666 coa publicación do poema Annus Mirabilis de John Dryden. A crise da prosa produciuse a partir de 1688 despois das tensións creadas pola Revolución Gloriosa e polo aumento da importancia do xornalismo e os xornais. De maneira máis xeral, o termo "restauración" utilízase para designar a literatura escrita durante o reinado de Carlos II cuxos textos son odas celebrando o retorno dunha aristocracia rexenerada, textos escatolóxicos inspirados pola desesperación da comunidade puritana ou textos en inglés simple destinados a apoiar a expansión crecente do imperio comercial inglés por todo o mundo.
A Galipedia ten un portal sobre: Reino Unido |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.