Lago Ladoga
From Wikipedia, the free encyclopedia
O lago Ladoga ou lago Ládoga, en ruso, Ладожское озеро (Ládozhskoie ózero), en finés, Laatokka, é un lago de auga doce situado en Carelia e o óblast de San Petersburgo, pretiño da fronteira con Finlandia. Cunha superficie de 17.700 km², é o maior lago de Europa e o décimo quinto do mundo. No seu interior áchanse 660 illas cunha superficie de 435 km². A maioría destas illas están próximas da costa noroeste, incluíndo as coñecidas illas Valaam. O lago desemboca no Golfo de Finlandia (Mar Báltico) a través do río Nevá.
A área da súa cunca é de 276.000 km². Esta conca inclúe uns 50.000 lagos e 3.500 ríos cunha lonxitude superior aos 10 km. O 85% da auga do lago provén dos seus tres principais afluentes:
- Río Svir, proveniente do sueste do lago Onega, cunha lonxitude de 224 km e unha conca de 83.200 km²;
- Río Vuoksi, proveniente do oeste desde o lago Saimaa, en Finlandia, cunha lonxitude de 162 km e unha conca de 52.400 km²;
- Río Vóljov, proveniente do sur, do lago Ilmen, cunha lonxitude de 224 km e unha conca de 80.200 km²;
Outros afluentes de importancia son os ríos Olonka e Syas.
O lago Ladoga ten a súa propia especie endémica de foca anelada, chamada foca do Ladoga.