![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/21/Jogaila_of_Lithuania.Image_from_around_1475-1480.jpg/640px-Jogaila_of_Lithuania.Image_from_around_1475-1480.jpg&w=640&q=50)
Ladislau II de Polonia
Gran Duque de Lituania e Rei de Polonia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Jogaila, despois Ladislau II Jagiełło,[1] nado arredor de 1362 e finado o 1 de xuño de 1434, foi gran duque de Lituania (1377-1434) e máis tarde rei de Polonia (1386-1434), primeiro como consorte da súa dona Eduvixes ata 1399, e logo como monarca ata a súa morte. Gobernou Lituania dende o 1377.
Naceu pagán mais, a fin de contraer matrimonio coa raíña de Polonia Eduvixes I, en 1386 converteuse ao catolicismo e foi bautizado co nome de Ladislau (Władysław) en Cracovia; casou entón coa nova raíña Eduvixes, e foi coroado rei de Polonia como Ladislau II Jagiełło.[2] En 1387 converteu Lituania ao cristianismo. O seu reinado en solitario en Polonia comezou en 1399, á morte da raíña Eduvixes, e durou trinta e cinco anos máis, marcando o comezo da unión polaco-lituana. Foi o fundador da dinastía Jagiełło polaca, que leva o seu nome e que anteriormente se coñecía tamén como dinastía xemínida no Gran Ducado de Lituania. A dinastía Jagiełło gobernou Polonia e Lituania ata 1572,[nota 1] e foi unha das máis influentes da Baixa Idade Media e principios da Idade Moderna na Europa Central e Oriental.[3] Durante o reinado de Jogaila, o estado polaco-lituano foi o maior do mundo cristián.[4]
Jogaila foi o último señor pagán da Lituania medieval. Ostentou o título de Didysis Kunigaikštis. Despois de obter o cetro polaco, a raíz da Unión de Krewo, a unión polaco-lituana tivo que enfrontarse ao poderío crecente dos cabaleiros teutónicos. A vitoria de Jogaila na batalla de Grunwald en 1410, seguida da paz de Thorn, asegurou as fronteiras polacas e lituanas e marcou o comezo da puxanza da alianza polaco-lituana en Europa. En tempos de Ladislau, Polonia expandeuse e deu comezo á chamada Idade de Ouro do país.