Kitsune
From Wikipedia, the free encyclopedia
A palabra xaponesa kitsune (狐, Ja-Kitsune.oga (axuda · info)) significa raposo, animal que constitúe un elemento de singular importancia no folclore xaponés, até o punto en que a devandita palabra se utiliza tradicionalmente para nomear a un espírito do bosque con forma de raposo, cuxa función clásica é a de protexer bosques e aldeas.[1] Segundo a mitoloxía xaponesa, o raposo é un ser intelixente que posúe habilidades máxicas, que se incrementan coa idade e a adquisición de coñecementos. A idade, sabedoría e poder dun kitsune son tamén maiores a medida que aumenta o número de colas, sendo o máis poderoso o kitsune de nove colas.[2]
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O kitsune está estreitamente asociado ao deus shinto (kami) Inari, deus da fertilidade, da agricultura, do arroz e dos raposos, tanto como mensaxeiro como servente do mesmo. Os poderes atribuídos ao Kitsune inclúen a capacidade de adoptar a forma humana, concretamente de muller nova.[3] Nalgúns contos tradicionais, e en xeral no folclore, o kitsune desenvólvese como un ser que aproveita a súa metamorfose para facer trasnadas ás persoas, mentres que noutras ocasións desempeña funcións de gardiá, amiga, amante ou esposa.[4]
Como consecuencia de todos estes atributos máxicos, ao kitsune ofrécenselle ofrendas coma se fose unha deidade.[5] A orixe histórica deste papel central do raposo no folclore xaponés está na súa convivencia harmónica co ser humano no Antigo Xapón, da que se derivou un crecente corpus de lendas respecto diso.[6]