Justus Lipsius
From Wikipedia, the free encyclopedia
Joest Lips ou Justus Lipsius, nado en Overijse (Ducado de Brabante) o 18 de outubro de 1547 e finado en Leuven o 23 de marzo de 1606, foi un filólogo e humanista dos Países Baixos, na parte que hoxe se corresponde con Bélxica. É un dos eruditos máis famosos do século XVI, do que se puido dicir que canda Joseph Justus Scaliger e Isaac Casaubon formou un triunvirato literario.
Estudou nos xesuítas de Colonia, quen o afianzaron na súa extraordinaria afección á literatura clásica latina e grega. En 1579 comezou a ensinar historia na acabada de crear Universidade de Leiden. Ao final da súa vida foi profesor de latín na Universidade de Lovaina.
Lipsius ensinou nas universidades de Jena, Leiden e Lovaina e foi o autor dunha serie de obras que pretendían recuperar a antiga corrente filosófica coñecida como estoicismo nunha forma que fose compatíbel co cristianismo tomando como modelo de partida a obra do filósofo Séneca. A máis importante de ditas obras foi De constantia. A súa nova forma de estoicismo influíu nun gran número dos seus contemporáneos intelectuais e posteriores, como Francisco de Quevedo, dando lugar ao movemento coñecido como neoestoicismo.