John D. Rockefeller
Magnate de negocios estadounidense e filántropo / From Wikipedia, the free encyclopedia
John Davison Rockefeller, nado en Richford (Nova York o 8 de xullo de 1839 e finado en Nova York o 23 de maio de 1937, foi un empresario e investidor industrial, que traballou no mundo da industria petroleira, chegando ao punto de monopolizala. Foi o fundador e presidente da Standard Oil, unha xigantesca compañía que chegou a controlar a extracción, refinamento, transporte e distribución de máis do 90 % do petróleo dos Estados Unidos e sostivo monopolios enteiros (en forma de investimentos) en múltiples países estranxeiros.[1] Durante un período de máis de corenta anos, Rockefeller consolidou a Standard Oil como a compañía petroleira máis grande do mundo, revolucionando a industria en todos os seus niveis e demostrando unha extraordinaria e implacable capacidade competitiva. Por outra banda, Rockefeller dedicou gran parte da súa fortuna e recursos a numerosas doazóns, fundacións e programas, sendo o fundador da Universidade de Chicago, unha das universidades máis prestixiosas do mundo, berce de 87 premios Nobel, así como tamén da Universidade Rockefeller en Nova York, ademais de impulsar numerosas áreas da educación, a ciencia e a medicina.[2][3]
Os seus logros empresariais son tan magníficos como controvertidos, pois mediante astucia, enxeño, dedicación e poucos escrúpulos, ascendeu no mundo empresarial, levantou un extenso imperio que se estendeu ata tal punto que ningunha outra empresa na historia logrou acadar. Sinalado polas súas prácticas monopolistas, foi denunciado por xornalistas e investigadores, e finalmente o goberno dos Estados Unidos tivo que enfrontarse a el, logrando levalo ante os tribunais e conseguindo tras anos enteiros de litixios que se ditase a separación da xigantesca petroleira de Rockefeller, separación que tardou moito tempo en materializarse despois de ditada.
Rockefeller é o único caso visto dun home que chegou a construír un monopolio puro, que lle custou ao mesmo goberno disolver e que de feito marcou en profundidade o desenvolvemento da industria petroleira a nivel mundial.
Está considerado como o home máis adiñeirado da historia[4][5][6][7][8] e é o fundador da mítica familia de millonarios que aínda persiste co seu mesmo apelido e poder así como a extensión da súa riqueza foron extremas non só sobre os Estados Unidos senón sobre outros lugares, como Europa e Latinoamérica; de feito, a súa familia continuou a controlar o 90 % da industria petrolífera nesta última rexión durante máis de seis décadas despois do seu falecemento.