Idade da Terra
From Wikipedia, the free encyclopedia
A idade da Terra estímase que é de 4,54 ± 0,05 miles de millóns de anos (4,54 × 109 anos ± 1%).[1][2][3][4] Esta idade pode representar a idade da acreción da Terra, da formación do núcleo, ou do material a partir do cal se formou a Terra.[2] Esta datación está baseada en probas da datación radiométrica da idade de material de meteoritos[5] e é consistente coas idades radiométricas medidas nas rochas terrestres máis antigas e de mostras de rochas lunares.
Seguindo o desenvolvemento das técnicas de datación radiométrica a inicios do século XX, as medidas do chumbo en minerais ricos en uranio mostraron que algunhas tiñan un exceso de mil millóns de anos de idade.[6] O máis antigo de todos os minerais analizados ata agora, os pequenos cristais de circóns das Jack Hills de Australia Occidental, teñen polo menos 4 404 millóns de anos (4,404 × 109).[7][8][9] As inclusións ricas en calcio–aluminio, que son os constituíntes sólidos máis antigos coñecidos contidos en meteoritos que se formaron no sistema solar, teñen unha idade de 4 567 millóns de anos (4,567 × 109),[10][11] o que marca un límite inferior para a idade do sistema solar.
Hipotetízase que a acreción da Terra empezou pouco despois da formación de ditas inclusións ricas en calcio-aluminio e os meteoritos. Como non se sabe o período de tempo exacto que durou este proceso de acreción, e as predicións de diferentes modelos de acreción van desde uns poucos millóns de anos a uns 100 millóns de anos, a idade exacta da Terra é difícil de determinar. É tamén difícil determinar a idade exacta das rochas máis antigas da Terra, expostas na superficie, xa que son agregados de minerais de idades posiblemente diferentes.