Escola de Ulm
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Hochschule für Gestaltung (polas siglas en alemán HfG, coñecida en inglés como School of Ulm) foi unha escola universitaria de deseño con sede en Ulm, Alemaña (Escola de Ulm, Escola de Proxectos de Ulm, Escola de Proxectación ou Escola de Deseño de Ulm).
Foi fundada en 1953, entre outros, por Inge Aicher-Scholl, Otl Aicher e Max Bill, este último, primeiro reitor da escola. A HfG gañou rapidamente o recoñecemento internacional. Durante o seu funcionamento foron investigados e postos en práctica novos enfoques no deseño, dentro dos departamentos de Comunicación Visual, Deseño Industrial, Construción, Informática, e, máis tarde, de Cinematografía.
O edificio HfG foi deseñado por Max Bill e segue sendo un edificio importante e funcional no campus da Universidade de Ulm. HfG foi unha das institucións de ensino de deseño e deseño ambiental máis progresistas dos anos 50 e 60, pioneira nos estudos e no perfil profesional do deseñador actual.
A historia da HfG formouse por medio da innovación e o cambio, en consonancia coa propia imaxe de si mesma de escola como unha institución experimental. Isto deu lugar a innumerables modificacións no contido, a organización das clases, e aos continuos conflitos internos que influíron na decisión final do peche da HfG en 1968.[1]