Historia de Groenlandia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A historia de Groenlandia, a maior illa do mundo, é a historia da subsistencia baixo as estremas condicións de vida no clima ártico: unha capa de xeo cobre o 84 % da superficie da illa, restrinxindo a actividade humana ás costas. Groenlandia era descoñecida en Europa até o século X, cando foi descuberta por viquingos de orixe noruegués recentemente asentados en Islandia.
Este artigo é da serie: |
Historia de América |
América precolombiana |
Colonización de América |
Historia de Groenlandia |
Historia do Canadá |
Historia dos Estados Unidos |
Historia de México |
Antes dese descubrimento, Groenlandia xa estivera habitada por pobos árticos, aínda que estaba deshabitada antes da chegada viquinga; os devanceiros directos dos modernos inuit non chegaron á illa ata o ano 1200. Os inuit foron o único pobo que habitou a illa durante séculos, pero, en lembranza da colonización viquinga, Dinamarca reclamou o territorio e colonizouno a partir do século XVIII, obtendo así varios privilexios, como o monopolio comercial.
Durante a segunda guerra mundial, Groenlandia separouse de feito, tanto social como economicamente, de Dinamarca, achegándose máis aos Estados Unidos e ao Canadá. Trala guerra, o control da illa volveu a Dinamarca, levantándose o seu status colonial, e aínda que Groenlandia segue a ser parte do Reino de Dinamarca, é autónoma dende 1979. A illa é o único territorio que se ten separado da Unión Europea, se ben ten o status de estado asociado. A finais de 2008 votouse en referendo a ampliación da autodeterminación con vistas a unha futura independencia de Dinamarca.