![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/49/Plagiomnium_affine_laminazellen.jpeg/640px-Plagiomnium_affine_laminazellen.jpeg&w=640&q=50)
Histoloxía vexetal
From Wikipedia, the free encyclopedia
A histoloxía vexetal é a disciplina que se ocupa do estudo dos tecidos orgánicos das plantas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/49/Plagiomnium_affine_laminazellen.jpeg/640px-Plagiomnium_affine_laminazellen.jpeg)
Nunha planta vascular os tecidos diferenciados poden clasificarse de acordo con distintos criterios. Se atendemos á continuidade topográfica dos tecidos, seguindo a clasificación clásica de Sachs (1875), divídense en tecidos dérmicos, vascular e fundamental. Se os clasificamos segundo a función que desempeñan distinguiremos os seguintes: tecidos de crecemento (meristemas), protectores (epiderme e periderme), fundamentais (parénquima), de sostén (colénquima e esclerénquima), condutores (floema e xilema).
Ademais, as plantas tamén presentan estruturas secretoras onde acumulan substancias metabólicas que non usan directamente. Non forman tecidos claramente delimitados, senón que se encontran dentro dos tecidos primarios e secundarios.
Nas plantas distínguese entre crecemento primario, que dá lugar aos tecidos do corpo primario da planta, derivados dos meristemas apicais, e crecemento secundario, orixinado máis tarde, a partir de meristemas secundarios como o cámbium vascular e o felóxeno, que orixina os tecidos definitivos. Non todas as plantas teñen crecemento secundario.
Os tecidos do corpo primario dunha planta derivan dos meristemas apicais, formados por células en rápida división e con gran capacidade de diferenciación. Deles orixínanse a protoderme, o procámbium e o meristema fundamental, que darán lugar aos tecidos epidérmico, vascular e fundamental. Nas plantas con crecemento secundario estes tecidos reorganízanse, formando novo tecido condutor e a periderme, dando lugar aos tecidos definitivos.