Hidrocarburo aromático policíclico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os hidrocarburos aromáticos policíclicos, abreviados como HAP (ou tamén PAH, do inglés polycyclic aromatic hydrocarbons), tamén chamados hidrocarburos poliaromáticos, son compostos orgánicos do tipo dos hidrocarburos, que conteñen só carbono e hidróxeno, que están compostos de moitos aneis aromáticos (aneis orgánicos nos cales os electróns están deslocalizados). Formalmente, a clase defínese como compostos con ditos aneis que carecen de substituíntes que formen ramificacións na estrutura dos aneis. Un subconxunto deles son os hidrocarburos aromáticos polinucleares (PNAs, do inglés polynuclear aromatic hydrocarbons), que teñen aneis aromáticos fusionados, é dicir, que comparten un ou máis dos seus lados. O composto químico deste tipo máis simple é o naftaleno, que só ten dous aneis aromáticos, mentres que exemplos de tres aneis son o antraceno e o fenantreno.
Os HAPs son moléculas neutras, non polares que se encontran nos depósitos de carbón e alcatrán. Prodúcense tamén por combustión incompleta de materia orgánica (por exemplo, en motores e incineradoras, e cando se queima a biomasa en incendios forestais etc.).
Os HAPs poden tamén ser abondosos no universo, e suponse que se formaron nos primeiros dous mil millóns de anos despois do Big Bang, en asociación coa formación de novas estrelas e exoplanetas. Algúns estudos suxiren que os HAPs supoñen unha porcentaxe significativa de todo o carbono que hai no universo, e discútese a posibilidade de que os HAPs fosen os materiais de partida para a síntese abiotica dos materiais necesarios para dar orixe ás primeiras formas de vida.