![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/49/Trihydrogen-cation-3D-vdW.png/640px-Trihydrogen-cation-3D-vdW.png&w=640&q=50)
Hidróxeno molecular protonado
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O hidróxeno molecular protonado, catión trihidróxeno, ou H3+, é un dos ións máis abundantes do Universo. É estable no medio interestelar debido á baixa temperatura e baixa densidade do espazo interestelar. O ión H3+ ten grande importancia na química en fase gasosa do medio interestelar, maior que a de calquera outro ión poliatómico. Este catión é tamén a molécula triatómica máis simple, xa que os seus dous electróns son os únicos electróns de valencia do sistema. É tamén un exemplo de sistema de enlace de tres centros e dous electróns.
Catión trihidróxeno | |
---|---|
![]() | |
Identificadores | |
Número CAS | 28132-48-1 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | H3+ |
Masa molecular | 3,02 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
En comparación co hidróxeno molecular protonado, o hidróxeno triatómico[1] ou trihidróxeno, H3 é unha molécula de Rydberg de grande inestabilidade porque o seu estado electrónico fundamental é disociativo pero os seus estados excitados ou estados de Rydberg posúen unha vida media relativamente alta comparados cos seus períodos vibracionais e rotacionais. Porén, o catión H3+ (hidróxeno molecular protonado ou catión trihidróxeno) é estable.[2]