From Wikipedia, the free encyclopedia
Henrique VI de Suabia, ou Henrique VI Hohenstaufen, nado o 1 de novembro de 1165 en Nimega (que daquela formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico), e finado o 28 de setembro de 1197 en Mesina (daquela no Reino de Sicilia), foi un nobre alemán que foi Rei de romanos de 1169 a 1191, rei de Alemaña de 1190 a 1197, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico de 1191 a 1197 e rei de Sicilia de 1194 a 1197.
Era fillo de Frederico I Barbarroxa, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, e da súa esposa Beatriz, condesa de Borgoña.
O 29 de outubro de 1184, en Augsburgo, concertouse o compromiso de Henrique coa princesa normanda Constanza de Hauteville. No verán de 1185 Constanza deixou Palermo para ir a Milán, onde ía celebrarse a voda, acompañada dun fastuoso cortexo de príncipes e baróns. Henrique acompañou a Constana a Salerno, onde tivo que deixala para viaxar a Alemaña para asistir ao enterro da súa nai.[1] O 23 de agosto de 1185, polo valor simbólico e político que tiña a aprobación por parte da Igrexa deste enlace, en Rietti, a primeira cidade fóra do Reino de Sicilia, tivo lugar unha primeira celebración do matrimonio, por procuración, en presenza dunha delegación imperial en representación de Henrique.[2] A voda repetiuse despois en Milán, o 27 de xaneiro de 1186.
Henrique foi elixido en Bamberg en xuño de 1169 Rei de romanos, e coroado como emperador do Sacro Imperio en 1191 en Roma, xunto á súa esposa, polo papa Celestino III.
En 1190 e 1193 logrou impoñerse sobre os nobres alemáns que se lle opoñían, encabezados por Henrique o León, duque de Saxonia e de Baviera, e que contaban coa axuda do papado e do rei de Inglaterra Ricardo Corazón de León, ao que chegou a apresar tras o seu segundo éxito. A pesar da vitoria mencionada non puido alcanzar o seu obxectivo de converter en hereditario o trono de Alemaña (causa do enfrontamento coa nobreza alemá, o papado e Inglaterra) pero, en 1194, tras un primeiro intento fracasado en 1191, logrou, practicamente polas armas, a coroa do Reino de Sicilia, que reclamara como herdanza da súa esposa.
En 1197, o poder tiránico do rei estranxeiro no sur de Italia deu orixe a revoltas, especialmente no sur de Sicilia, que os soldados alemáns reprimiron cruelmente. No mesmo ano, Henrique preparou unha Cruzada,[3] pero o 28 de setembro de 1197 morreu de malaria na cidade de Mesina, aínda que algúns pensan que foi envelenado.[4]
Predecesor: Frederico I |
Rei de romanos 1169 - 1191 |
Sucesor: Filipe de Suabia contra Otón IV |
Predecesor: Frederico I |
Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico 1191 - 1197 |
Sucesor: Otón IV |
Predecesor: Guillerme III de Sicilia |
Rei de Sicilia Xunto con Constanza I 1194 - 1197 |
Sucesor: Frederico II |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.