From Wikipedia, the free encyclopedia
Henrique II de Castela, o Fratricida ou o das Mercés, nado en Sevilla o 13 de xaneiro de 1334 e finado en Santo Domingo de la Calzada o 29 de maio de 1379, foi rei de Castela, fillo ilexítimo de Afonso XI de Castela e Leonor de Guzmán e polo tanto medio irmán de Pedro I de Castela.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Nado en Sevilla, foi o cuarto dos dez fillos e fillas extramatrimoniais de Afonso XI de Castela e de Leonor Núñez de Guzmán Ponce de León (tataraneta do rei Afonso VIII de León). Por orde de seu pai, foi criado e educado polo preceptor real Rodrigo Álvarez Asturias, conde de Trastámara (parente do propio monarca), quen en 1345 cedeu a titularidade do condado de Trastámara (de Trans Támaris, "Alén do Tambre", en Galiza) a Henrique, como herdeiro legal seu. Con este título inaugurou a dinastía de Trastámara no trono de Castela e León en 1369.
Os alcumes de o Magnífico e o das Mercés (en castelán, el de las Mercedes) débense á largueza con que dispensaba títulos e favores para apoiar as súas pretensións, especialmente en troco polas axudas recibidas para ascender ao trono. Conseguiuno matando o seu medio irmán, o rei Pedro I, o que tamén lle valeu a nomeada de o Fratricida.
Asasinada súa mai Leonor de Guzmán por orde da raíña María de Portugal (en 1350), arrepúxose contra o medio irmán no trono, apoiándose no aliado Pedro IV de Aragón. Para algúns autores, a morte da mai e o asasinato do seu xemelgo Fradrique a mans do seu medio irmán Pedro, fixéronlle decidirse polo camiño do crime, receando pola súa vida.
Fuxiu en 1356 para Francia, cando Pedro subiu ao trono. Recibiu axuda en 1365 do rei Carlos V de Francia, quen mandou a Bertrand du Guesclin levar a Castela as Grandes Compagnies para combater a Pedro e o seu aliado inglés, Eduardo de Woodstock, príncipe de Gales, coñecido como o Príncipe Negro. Vencido o 3 de abril de 1367 en Nájera polo Príncipe Negro, e apresado Du Guesclin, Henrique fuxiu de novo para Francia.
Unha vez liberado Bertrand du Guesclin, as forzas pedristas e henriquistas enfróntanse de novo en Montiel o 14 de marzo de 1369. Desta volta a vitoria foi para o Trastámara e os mercenarios de Du Guesclin. Pedro quedou recluído no castelo da Estrela, asediado polo exército de Henrique. Finxindo que o axudaba a escapar, Du Guesclin conduciuno a xunta de Henrique, que o asasinou o 23 de marzo de 1369.
Henrique II reinou dez anos apoiado por Francia na súa guerra contra as fillas de Pedro, alcumadas de bastardas. Asegurou o trono ao vencer a Fernando I de Portugal e Xoán de Gante, Duque de Lancaster, pretendentes da coroa castelá, e ao se aliar fielmente a Carlos V. En 1372 a súa frota cooperou por dúas veces para tomar dos ingleses o porto de La Rochelle.
O asasinato de Pedro, puxo o punto final no conflito que había moito que opuña os dous irmáns na loita polo poder. Este acontecemento traería graves consecuencias, xa que gran parte das cidades apoiaban o reinado de Pedro. Henrique parte para a Guerra dos Cen Anos, pasando a maioría do seu reinado combatendo as pretensións de Xoán de Gante, fillo de Eduardo III de Inglaterra, que reclamaba o trono por dereito da súa segunda esposa, filla de Pedro.
Henrique II foi o primeiro nobre en utilizar o anti-semitismo como unha ferramenta política en España, o que conduciu á extinción da convivencia, e a un período de tumultos e conflitos, e pode considerarse como precedente á persecución dos xudeus pola Inquisición Española, iniciada cen anos despois.
Casou en 1350 con Xoana Manuel de Peñafiel ou de Castela (1333-1381 Salamanca), señora de Lara e Biscaia, señora de Peñafiel, de Escalona, de Villenaet; filla de Branca ou María de la Cerda (1311-1347) (filla do Infante Fernando de la Cerda, en 1328 casado con Xoana de Lara) e de Juan Manuel de Castela, señor de Villena, Peñafiel e Escalona, o Escritor, neto de Fernando III de Castela. Dela tivo dous fillos.
Máis tarde casou en segundas nupcias con Elvira Íñiguez de la Vega, coa que tivo fillos co apelido «Henríquez de Noroña».
Dos Borgoña á monarquía de Trastámara. Os tempos de Pedro I e Henrique II. |
Predecesor: Pedro I |
Rei de Castela e de León 1366-1367 |
Sucesor: Pedro I |
Predecesor: Pedro I |
Rei de Castela e de León 1369-1379 |
Sucesor: Xoán I |
Predecesor: Fernando I de Portugal |
Rei de Galiza 1371-1379 |
Sucesor: Xoán I |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.