From Wikipedia, the free encyclopedia
As Guerras Samnitas foron unha serie de conflitos armados da Antigüidade que enfrontaron principalmente ao pobo itálico dos samnitas, que dominaban os Apeninos ao sur do Lacio, contra a incipiente República Romana polo control da Italia central. No intervalo entre o 343 e o 290 a. C. producíronse tres guerras entre ambos contendentes, que propiciaron o completo sometemento dos samnitas ao poderío romano.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Guerras Samnitas | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de a unificación romana de Italia | |||||||||
Mapa de Italia e Sicilia cara ao ano 400 a. C. | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
República romana | Samnitas e aliados |
Durante anos, os pobos montañeses dos Apeninos loitaron por expandirse cara ás terras baixas de Campania e a costa tirrena, pero tanto etruscos como latinos impediran estes movementos. Os samnitas eran unha destas rudas tribos apeninas que se expandira cara á costa campana, onde tomaran contacto coa máis avanzada civilización grega, e que supoñía a súa saída natural ao mar para dominar así os mercados tirrenos. Pola súa parte, os brutios e os lucanos afostigaban ás colonias gregas da Magna Grecia, das que Tarento era a principal delas.
A Primeira Guerra Samnita tivo lugar entre o 343 e o 341 a. C.; tras o sometemento dos auruncos por Roma, esta fixou como seguinte obxectivo a Campania, consolidando a fronteira oriental que, mediante o río Liris, poñía en contacto a República co Samnio. Pola súa parte, os samnitas comezaron a acosar os sidicinos da cidade de Calès, quen buscaron a axuda de Capua. Non obstante, Capua foi derrotada polos samnitas, e apelou entón a Roma mediante a fórmula da deditio: unha fórmula legal que supoñía a entrega da cidade en lugar dun simple pacto, e polo tanto un lazo legal máis forte que o recente foedus entre romanos e samnitas. Desta forma, Roma tivo a escusa idónea para atacar os seus antigos aliados, debido ao crecente interese que supoñían para a República expandir as súas redes comerciais fóra do Lacio e acaparar os centros comerciais para así paliar a súa excesiva dependencia da agricultura.
A deditio de Capua supuxo así o casus belli que levou aos samnitas e romanos á guerra. Os romanos, dirixidos por Marco Valerio Corvo, obtiveron algunhas vitorias en Campania e o propio Samnio; non obstante, a guerra foi impopular nalgúns sectores da sociedade romana. Incluso algunhas guarnicións romanas en Campania rebeláronse, motíns que foron reprimidos por Valerio Corvo con comprensión cara aos seus soldados.
A guerra finalizou só dous anos despois de iniciarse, cunha paz de compromiso na cal os samnitas recoñeceron a adhesión de Capua a Roma e os intereses romanos en Campania, e os romanos entregaron os territorios sidicinos ao ámbito samnita. Inmediatamente, os aliados latinos de Roma rebeláronse contra esta, posto que obrigara aos membros da Liga Latina a loitar contra os samnitas sen consultalos, e sentíronse oprimidos polo control que Roma exercía sobre eles, razón pola que estalou a Segunda Guerra Latina.
A Segunda Guerra Samnita tivo lugar entre o 327 e o 304 a. C., tras a Segunda Guerra Latina, na cal os samnitas apoiaron a Roma. Os samnitas interpretaron como casus belli tanto o apoio que Roma brindou á cidade de Nápoles, ameazada polos samnitas, como a fortificación de Fregelas (328 a. C.), situada na marxe oposta do río Liris que até ese momento supuxera a fronteira entre ambos pobos.
Distínguense dúas fases no enfrontamento: unha primeira fase (327-321 a. C.) na cal os romanos trataron de cercar o territorio samnita. Mais en 321 a. C., os samnitas cercaron o exército romano nas Forcas Caudinas, permitindo a súa retirada en condicións humillantes, e supoñendo a fin da contenda até ese momento. En 316 a. C. Roma reiniciou as hostilidades, pero foi de novo derrotada na batalla de Lautulae (315 a. C.). A súa seguinte estratexia foi a construción da Vía Apia que a comunicaba con Capua, fundando colonias ao longo do seu percorrido para encerrar aos samnitas dentro do seu territorio.
En 310 a. C., os romanos venceron aos etruscos (aliados samnitas desde o 311 a. C.) na batalla do Lago Vadimón, na ribeira do Tíber. Tras un avance sobre a Puglia, os romanos tomaron Boviano, a capital samnita.
A fin da guerra en 304 a. C. supuxo o sometemento da Campania por Roma, e a renuncia a toda expansión por parte da Liga samnita.
A Terceira Guerra Samnita tivo lugar entre o 298 e o 290 a. C. Os samnitas organizaron unha coalición antirromana cos etruscos, sabinos, lucanos, umbros e celtas do Norte de Italia. Roma obtivo vitorias por separado fronte a todos eles e reocupou Boviano (298 a. C.). As tropas samnitas fuxiron cara ao norte canda etruscos e celtas, e en 295 a. C. a alianza loitou contra os romanos na batalla de Sentino, onde foi derrotada.
Tras asinar a paz cos etruscos, Roma fundou a colonia Venusia en Puglia para frear aos samnitas, quen finalmente se renderon en 290 a. C. Desde ese momento, os samnitas víronse obrigados a ceder a Roma tropas auxiliares en caso de contenda, sendo así paulatinamente asimilados pola cultura romana.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.