Grace Jones
cantante, actriz e modelo xamaicana / From Wikipedia, the free encyclopedia
Grace Jones, nada en Spanish Town o 19 de maio de 1948, é unha cantante, modelo, produtora e actriz xamaicana. Naceu en Spanish Town e criouse cos seus avós. Con 13 anos mudouse cos seus irmáns á casa dos pais en Syracuse, Nova York. Jones comezou a traballar como modelo, primeiro en Nova York e despois en París, traballando para Yves Saint Laurent, Claude Montana e Kenzo Takada, e aparecendo nas portadas de Elle, Vogue e Stern.
En 1977, Jones asinou un contrato co selo discográfico Island Records e coa axuda de Compass Point All Stars fixo música new wave en 1980. Acadou o Top 40 nas listas do Reino Unido con "Pull Up to the Bumper", "I've Seen That Face Before", "Private Life", "Slave to the Rhythm" e "I'm Not Perfect". Entre os seus álbums cóntanse Warm Leatherette (1980), Nightclubbing (1981) e Slave to the Rhythm (1985).
Tamén fixo aparicións en filmes de baixo orzamento na década de 1970 e comezos de 1980. O seu primeiro gran filme foi Conan o destrutor (1984) a carón de Arnold Schwarzenegger e Sarah Douglas, e posteriormente sairía no filme de James Bond 007: Panorama para matar. En 1986, interpretou a unha vampiro en Vamp, e actou e colaborou no filme de 1992 Boomerang.