From Wikipedia, the free encyclopedia
O Goberno dos Países Baixos exerce o poder executivo do país. Está conformado polo rei e o gabinete, no que se integran o primeiro ministro, os ministros e os secretarios de Estado. Malia a que, segundo a Constitución dos Países Baixos, Ámsterdam é a capital do Estado, as oficinas do goberno están na Haia, en concreto no complexo chamado Binnenhof.
O executivo encárgase da xestión e administración do Estado e a aplicación das leis aprobadas polos Estados Xerais (parlamento). Máis especificamente:[1]
Os traballos do goberno son supervisados polo parlamento, especialmente pola Segunda Cámara (a cámara baixa). Os membros do lexislativo poden preguntar por escrito ou oralmente aos membros do executivo, ou convocalos a un pleno de forma urxente de consideralo necesario. O artigo 42.2 da Constitución establece que os ministros son responsables das súas políticas, polo que a Segunda Cámara dos Estados Xerais pode someter o conxunto do goberno, ou un ministro particular a un voto de confianza.[2] En caso de non obtelo, este ministro debe presentar a súa dimisión.
Aínda que o primeiro ministro, os ministros e os secretarios de Estado forman o gabinete (en neerlandés: Kabinet), só os ministros e o primeiro ministro se integran no Consello de Ministros (en neerlandés: Ministerraad), o órgano colexiado de goberno. Nel os ministros expoñen os seus proxectos, expresan as súas opinións e chegan a acordos, pois as decisións adoptadas deben ser defendidas de forma solidaria por todos eles. Os secretarios de Estado poden ser consultados polo Consello, aínda que non forman parte do mesmo. Teoricamente, o monarca forma parte do Consello de Ministros, mais na práctica non participa dos procesos de decisión política. O Consello de Ministros reúnese de forma semanal, os venres, no Binnenhof da Haia.
O Primeiro Ministro é o xefe do goberno dos Países Baixos. En neerlandés é chamado oficialmente Minister-President, aínda que de forma informal tamén é común denominalo premier. A figura do Primeiro Ministro leva aparellada o cargo de ministro de Asuntos Xerais. Teoricamente, ten o mesmo rango que o resto de ministros, mais de facto é xerarquicamente superior. Coordina a acción do goberno e preside os consellos de ministros, é a figura máis pública do executivo pois é o voceiro do mesmo[1] e forma parte do Consello Europeo. A súa oficina está localizada nunha pequena torre do complexo do Binnenhof, chamada Torentje, e dispón dunha residencia oficial, Catshuis; ambas na Haia.
Dende 2010 o Primeiro Ministro dos Países Baixos é o liberal Mark Rutte, da VVD. Con todo, once primeiros ministros dende a segunda guerra mundial foron militantes das formacións da democracia cristiá: ben do Partido Popular Católico, ben do Partido Antirrevolucionario, ou da máis recente Chamada Demócrata Cristiá (CDA).
Logo das eleccións, que se celebran por sufraxio universal cada catro anos, unha vez coñecida a composición definitiva da Segunda Cámara, comenza o proceso para explorar a formación do goberno. Dado o sistema electoral neerlandés, moi proporcional, e o fragmentado do seu sistema de partidos, nunca se logrou un goberno respaldado por un único partido, pois ningunha formación acadou maioría absoluta. As negociacións para artellar unha maioría adoitan prolongarse durante meses. Nese tempo os partidos que queiran van conformando a coalición de goberno, pactan o programa político do goberno e deciden os nomes do Primeiro Ministro (xefe do executivo), os ministros (responsables das áreas específicas) e os secretarios de Estado (de rango menor que os ministros, dependentes deles pero que poden asumir responsabilidades que estes deleguen neles).
Tradicionalmente, o monarca xogaba un papel moi significado no proceso de negociación do goberno. Unha vez escrutados os votos, o monarca mantiña entrevistas con diferentes personalidades políticas do Estado: a vicepresidencia do Consello do Estado (Raad van State), máximo órgao asesor do executivo; a presidencia das súas cámaras dos Estados Xerais, así como os delegados dos partidos con representación na Segunda Cámara. Se nesas conversas quedan claras as intencións de entendemento entre algúns partidos que poderían soster o goberno, o rei nomeaba un "formateur": o político que logo sería o Primeiro Ministro, para que concretase cos partidos que sustentarían ao goberno o programa político e os nomes dos ministros e secretarios de Estado. En caso de que non existise un escenario tan doado, para gañar tempo e continuar coas conversas, o rei nomeaba a un "informateur": un político de recoñecido prestixio para que continuase buscando alternativas entre os partidos para lograr un goberno cunha maioría parlamentaria. O informateur despacha co rei cada certo tempo informando da situación, ata que finalmente lle indicaría o nome do posible "formateur".[1] Con todo, dende 2012 o proceso cambiou e os partidos negocian entre eles no parlamento, deixando ao rei co rol final de nomear o goberno mais sen intervir no proceso.[1]
Unha vez as negociacións rematan cos partidos definidos, as políticas pactadas e os candidatos decididos, o rei nomea o Primeiro Ministro, aos ministros e secretarios de Estado asinando un real decreto. Os novos ministros e secretarios de Estado son logo recibidos polo monarca para que lle xuren ou prometan fidelidade tal e como establece a Constitución no artigo 49.[2]
Os nomeamentos do "informateur" e "formateur" foron o resultado de prácticas que se foron consolidando dende o final da segunda guerra mundial. A finalidade era preservar á Coroa de verse comprometida nas negociacións partidarias, por iso resultou un modelo atractivo para outras monarquías cuxos sistemas políticos tenden a sufrir bloqueos políticos como Bélxica e, dende sectores xornalísticos e académicos, tamén se propuxo para España logo das eleccións de 2015 e 2016 e, de novo, tras a dobre convocatoria de 2019.[3][4][5][6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.