Glomerulonefrite
From Wikipedia, the free encyclopedia
As glomerulonefrites, tamén chamadas nefropatías glomerulares son un conxunto de doenzas inmunitarias que cursan con inflamación do glomérulo renal, unha estrutura do ril. Englóbanse dentro do grupo das glomerulopatías, isto é, das doenzas que afectan ao glomérulo, sen importar a súa etioloxía. Estas doenzas caracterízanse por perturbar a función de filtración de substancias de refugallo que ten o glomérulo renal, estrutura formada por capilares e arrodeada por unha cuberta denominada Cápsula de Bowman. Na fase inicial estas enfermidades só afectan ao glomérulo, mais a medida que avanza o proceso poden verse afectadas tamén outras estruturas que forman o nefrón do ril.[1]
Glomerulonefrite | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
ICD-10 | N.00 |
ICD-9 | 580 |
MedlinePlus | 000484 |
MeSH | D005921 |
![]() Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Denomínanse glomerulonefrites primarias a aquelas nas que o mecanismo inmunolóxico é intrínseco ao glomérulo renal, mentres que se se trata dun síntoma máis dentro dunha doenza sistémica, como por exemplo a diabetes, ou causadas por fármacos ou infeccións, falamos dunha glomerulonefrite secundaria. Denomínase glomerulonefrite focal cando a afectación prodúcese en menos de oito de cada dez glomérulos, e difusa cando afecta a máis de oito de cada dez.
Dentro do propio glomérulo, se afecta a toda a estrutura denomínase glomerulonefrite segmentaria, mentres que se afecta a todo o glomérulo falamos de glomerulonefrite global.[2]