poboacións protohistóricas que residían na Galia From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo galos designa as poboacións protohistóricas de celtas que residían na Galia, (Gallia en latín), é dicir, aproximadamente nos territorios actuais da Francia, o sur de Bélxica, e máis a Italia do norte, probabelmente a partir da primeira Idade de Ferro (cara ao 800 a.c.).
Os galos estaban divididos en múltiples tribos ou pobos, ás veces federados, presentando cada un certa cultura orixinal.
As civilizacións galas son clasificadas en arqueoloxía dentro da civilización céltica de La Tène (do nome dun lugar sito nas beiras do lago de Neuchâtel, en Suíza). A civilización de La Tène espallouse polo continente europeo durante a segunda Idade de Ferro e desapareceu en Irlanda ao longo da Alta Idade Media.
Os xermanos denominaban aos celtas *Walχisk[1] «estranxeiro»[2] transformado en alemán moderno en Welsch, un termo a miúdo pexorativo, co que os alemáns designan hoxe as poboacións de lingua románica.
O nome en latín de Galli, plural de Gallus, habitantes da Gallia «Galia», asociouse no Renacemento ao seu homónimogallus «galo, polo adulto», convertendo así este animal no emblema de Francia.
Por outra banda, os gregos, denominaban aos galos Κελτοί (Keltói, Celtæ, dixo Xulio César) e aínda Γαλάται, plural de Γαλάτης, Galátai / Galátēs, que se pode transcribir en galego como Gálatas.
Nas fontes gregas, en particular da época macedónica, aparecen innúmeras mencións de celtas, pertencentes sen dúbida a pobos galos: faise referencia á súa valentía e valor guerreiro. Isto corresponde ao período de maior expansión céltica (século IV a.C. e século III a.C.).
Nas fontes latinas posteriores, os galos dos séculos II a.C. e I a.C. son claramente diferenciados dos cimbros, dos teutóns (pobos xermano-célticos), dos bretóns e dos helvecios (pobos célticos da Gran Bretaña e de Suíza, respectivamente).
Os galos dividíanse en pobos, un total de 44 na época da conquista romana. Formaban a Galiacelta e foron incorporados á chamada Galia romana ou Galia transalpina.
Abaixo, preséntase unha lista, non exhaustiva, de pobos galos, coas respectivas capitais, na época da morte de Augusto, no 14. A notar que as denominacións dos pobos deron orixe, en moitos casos, ao nome actual da rexión ou cidade. Procurouse dar o nome en latín, seguido da versión en galego, cando existe.
Na Gallia comata
Civitates Foederatæ (cidades federadas), unidas a Roma e exentas de impostos.