![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2c/Circinus.galaxy.750pix.jpg/640px-Circinus.galaxy.750pix.jpg&w=640&q=50)
Galaxia Seyfert
clase de galaxias activas con núcleo moi brillante / From Wikipedia, the free encyclopedia
As galaxias Seyfert (ou de Seyfert) son un dos dos maiores grupos de galaxias activas, xunto cos quásares. Teñen un núcleo similar ao dos quásares (fontes brillantes moi luminosas e distantes de radiación electromagnética) cun brillo superficial moi alto, cuxo espectro revela fortes liñas de emisión de alta ionización,[1] pero, a diferenza dos quásares, as súas galaxias hospedadoras son claramente detectables.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2c/Circinus.galaxy.750pix.jpg/640px-Circinus.galaxy.750pix.jpg)
As galaxias Seyfert supoñen un 10% de todas as galaxias[3] e son algúns dos obxectos máis intensamente estudados en astronomía, xa que se cre que están alimentadas polo mesmo fenómeno que ocorre nos quásares, aínda que están máis próximas a nós e son menos luminosas que os quásares. Estas galaxias teñen buratos negros supermasivos nos seus centros, que están rodeados por discos de acreción de material que está caendo no burato. Os discos de acreción crese que son a fonte da radiación ultravioleta observada. O exame da emisión ultravioleta e as liñas de absorción proporciona o mellor diagnóstico para saber a composición do material que os rodea.[4]
Vistas con luz visible, a maioría das galaxias Seyfert semellan galaxias espirais normais, pero cando se estudan baixo outras lonxitudes de onda, queda claro que a luminosidade dos seus núcleos é de intensidade comparable á luminosidade dunha galaxia completa do tamaño da Vía Láctea.[5]
As galaxias Seyfert reciben o seu nome por Carl Seyfert, que foi o primeiro que describiu esta clase de galaxias en 1943.[6]