Frontón (arquitectura)
elemento arquitectónico no que remata unha fachada ou unha porta / From Wikipedia, the free encyclopedia
En arquitectura, o frontón é unha superficie triangular formada polos beirís inclinados e a liña horizontal da cornixa nos edificios clásicos. O punto de unión das liñas inclinadas denomínase ápice. Non sempre son estruturais, pois con frecuencia poden ser elementos decorativos, mesmo a grande escala. A pequena escala coroan vans e ocos.
No desenvolvemento da arquitectura, os frontóns sufriron variedades respecto do frontón clásico. Apareceron así o frontón curvo, no que as liñas rectas formadas polos beirís son substituídas por unha semicircunferencia; ou o frontón roto ou partido, caracterizado pola interrupción das liñas inclinadas.
A superficie interna, delimitada polos elementos constituíntes, pode converterse nunha superficie decorada (escultura, pintura etc.) denominada tamén frontón ou tímpano, podendo entón falarse dun frontón historiado.
Na arquitectura popular galega, o remate triangular na parte superior da fachada, delimitado polos beirís inclinados, denomínase pinche, pinchón ou outón.