político español From Wikipedia, the free encyclopedia
Francisco Largo Caballero, nado en Madrid o 15 de outubro de 1869 e finado en París o 23 de marzo de 1946, foi un sindicalista e político español, histórico dirixente do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e da Unión Xeral de Traballadores (UXT). Durante a Segunda República Española foi Ministro de Traballo (1931-1933) e Presidente do Goberno (1936–1937).
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2017.) |
Estuquista de profesión, Largo Caballero xa participa na primeira folga de obreiros da construción no ano 1890. Afiliouse ao PSOE en 1894.
Participou no Comité que organizou a folga xeral revolucionaria de 1917 e, tras o fracaso da mesma, foi condenado a cadea perpetua e internado no penal de Cartaxena. Mais o seu encarceramento no durou moito xa que foi posto en liberdade ao resultar elixido deputado nas eleccións celebradas no ano seguinte.
Á morte de Pablo Iglesias Posse, fundador do partido socialista, en 1925, sucederíao xunto con Julián Besteiro, á fronte do seu sindicato, a UXT. Foi vicepresidente (1908–1918) e secretario xeral (1918–1938) desa central sindical socialista
Moderado nas súas posicións, no principio da súa vida política foi partidario de manter unha certa colaboración da UXT co goberno ditatorial do xeneral Miguel Primo de Rivera, o que permitiu que o sindicato seguira a funcionar na situación imposta polo Directorio militar. Isto motivou unha aceda polémica con Indalecio Prieto, contrario a esta colaboración co réxime ditatorial
Co primeiro goberno, provisorio, da II República, presidido por Niceto Alcalá-Zamora, en 1931, ostentaría a carteira do Ministerio de Traballo, continuando no cargo, até 1933, nos dous gobernos seguintes, presididos por Manuel Azaña. Gozaría de gran popularidade entre as masas obreiras, que se vían reflectidas nel e na súa forma de vida austera.
En 1933 prodúcese o triunfo electoral da CEDA, aínda que o Goberno pasou a ser dirixido por Alejandro Lerroux, do Partido Radical, con apoio da citada formación, e tras a regresión que se observa na política social desta coalición, o seu pensamento evoluciona cara a posturas máis radicais, comezando a falar de «revolución socialista» e a sustentar as formulacións que darían lugar, en outubro de 1934 á fracasada revolución, que atinxiu grande virulencia en Asturias, máis tamén levou a proclamar o Estado Catalán en Cataluña, e que foi fortemente reprimida polo xeneral Franco, so ordes do goberno da República. De novo foi xulgado, sendo condenado a trinta anos de cárcere, aínda que logo foi posto en liberdade.
Partidario da alianza entre os diversos sindicatos e partidos obreiros, avogou por un pacto co Partido Comunista e co sindicato anarquista CNT, o que provoco o seu enfrontamento con outros líderes socialistas, especialmente con Indalecio Prieto de novo. Este enfrontamento entre os revolucionarios caballeristas e os moderados prietistas foi acrecentando, até o punto de que Largo Caballero chegou a ser alcumado popularmente o «Lenin español».
Tras o esborrallamento do goberno de Giral, o 4 de setembro de 1936, xa en plena Guerra civil, foi designado xefe do Goberno e ministro da Guerra. A súa maior preocupación, á parte do curso da contenda, foi tentar manter a disciplina no Exército e a autoridade gobernamental dentro da zona republicana a calquera prezo. Porén, o descontento polo curso desfavorábel da guerra e os enfrontamentos desatados en Barcelona, en maio de 1937, que levaron ao enfrontamento entre o POUM e a CNT, por unha banda, e o goberno da Generalitat catalana e os comunistas, por outra, que comezaron ao tentar tomar a policía o edificio da Telefónica, baixo control da CNT, e a negativa de Largo Caballero a asinar a ilegalización do POUM so presión soviética, foron circunstancias utilizadas, polos socialistas leais a Indalecio Prieto, polos comunistas do PCE e máis os republicanos de esquerdas, con pleno consentimento de Manuel Azaña, como pretexto para provocar unha crise gobernamental e forzar a súa dimisión, sendo substituído á fronte do goberno polo doutor Juan Negrín, tamén socialista.
En 1939, logo da derrota republicana, exiliouse en Francia. Ao se producir en 1940 a ocupación de Franxa por parte da Alemaña nazi é arrestado polas tropas de ocupación e internado no campo de concentración de Sachsenhausen-Oranienburg, onde pasou a maior parte da Segunda guerra mundial. Liberado ao final desta polo Exército Vermello, faleceu no exilio en París, sendo trasladados os seus restos mortais a Madrid en 1978, celebrándose un funeral na súa memoria ao que acudiron 500.000 persoas, convocadas polas organizacións socialistas (PSOE, UXT e XSE). Nese mesmo ano a UXT creou a Fundación que leva o seu nome.
Predecesor: José Giral |
Presidente do Goberno de España 1936 - 1937 |
Sucesor: Juan Negrín |
Predecesor: Julián Besteiro |
Presidente da Comisión Executiva do PSOE 1932 - 1935 |
Sucesor: ? |
Predecesor: Julián Besteiro |
Presidente da UXT 1934 - ? |
Sucesor: ? |
Predecesor: Vicente Barrio |
Secretario Xeral da UXT 1918 - 1937 |
Sucesor: José Rodríguez Vega |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Largo Caballero |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.