matemático francés From Wikipedia, the free encyclopedia
François Viète, nado en Fontenay-le-Comte en 1541 e finado en París o 23 de febreiro de 1630, foi un matemáticofrancés, que realizou traballos que supuxeron importantes pasos cara á álxebra moderna,[1] debido ao seu innovador uso das letras como parámetros nas ecuacións. Era avogado de formación e serviu como conselleiro privado dos reis Henrique III e Henrique IV.
François Viète naceu en Fontenay-le-Comte arredor de 1540. Fillo do avogado Étienne Viète, realizou estudos xurídicos na Universidade de Poitiers onde se licenciou en dereito en 1560, ano en que comezou a súa carreira como avogado.[2] Non obstante, só exerceu a avogacía durante catro anos, xa que axiña se converteu no gardián dos fillos dun fidalgo de La Rochelle,[3] Jean de Parthenay, cargo que lle permitiu continuar o estudo das ciencias e das matemáticas. Da súa breve carreira como avogado, quedáronlle contactos con figuras importantes como María Estuardo, raíña dos escoceses e Henrique de Navarra que, co tempo, se converteu en rei de Francia.[4]
Durante os anos que serviu na casa de Parthenay, escribiu varias obras sobre matemáticas e astronomía que foron compiladas e editadas en 1637 baixo o título Principes de cosmographie, tirés d'un manuscrit de Viette, et traduits en français, así como a árbore xenealóxica dos Parthenays e unha biografía de Xoán V de Parthenays.
Viète era hugonote e sufriu os problemas das guerras de relixión no seu país. Non obstante, entre 1570 e 1602 ocupou varios cargos gobernamentais, como membro do parlamento, maître de requêtes (unha especie de maxistrado de alto rango) e asesor privado dos reis Carlos IX, Henrique III e Henrique IV.
En 1589, o exército francés interceptou unha mensaxe cifrada destinada a Filipe II, rei de España. Despois de cinco meses traballando coa mensaxe, Viète atopou a clave, moi complexa para a época, e foi acusado por Filipe II de bruxería.[5] Por iso foi considerado tamén o pai da criptoloxía.[6]
O 14 de decembro de 1602, Henrique IV relevouno de todos os seus deberes. Viète morreu dous meses despois.
Viète nunca ocupou ningún cargo directamente relacionado coas matemáticas e todo o seu traballo pode considerarse como a obra dun afeccionado. Os dous períodos en que se dedicou intensamente ao traballo matemático foron entre 1564 e 1567 cando foi titor na casa dos Parthenay e entre 1584 e 1589, cando a súa condición de hugonote o mantivo fóra da función pública.
Da súa primeira etapa pódense destacar dous libros importantes:
Ad harmonicon celeste, un tratado de astronomía en cinco volumes en que compara os sistemas astronómicos de Ptolomeo e Copérnico en que conclúe que Ptolomeo é superior, porque o de Copérnico non é xeometricamente correcto. O libro nunca se publicou.[3]
Canon Mathematicus, seu ad triangula cum appendicibus, do que publicou os dous primeiros volumes en 1579 e que conteñen, basicamente, unhas táboas trigonométricas moi completas.[7]
Con todo, as obras máis influentes son as do segundo período:
Deschiffrement d'une lettre escripte par le Commandeur Moreo au roy d'Espagne son maître (Tours, 1590) en que explica os seus procedementos para descifrar o código do exército español.
In artem analyticem isagoge, publicado en 1591, foi o primeiro gran tratado de álxebra europeo, en que as letras se usan sistematicamente por primeira vez para substituír cantidades: consoantes para denotar constantes e vogais para denotar incógnitas. Non presenta a súa álxebra como un fenómeno completamente novo, senón como un intento de reconstruír a antiga arte da análise que os matemáticos clásicos gardaban oculta.[8] As súas fontes básicas son o oitavo libro da Colección matemática de Pappus e a Arithmetica de Diofanto, como el mesmo é o responsable de sinalar no primeiro capítulo.
Zeteticorum libri quinque, publicado en 1593, unha colección de problemas aritméticos en que non faltan solucións para as ecuacións cuadráticas e de terceiro grao.
Francisci Vietae Supplementum geometriae, ex opere restitutae mathematicae analyseos seu algebra nova
Variorum de rebus mathematicis responsorum, 1593, é tamén outra colección de problemas centrada nos problemas clásicos da matemática grega: a duplicación do cubo e a trisección do ángulo. Neste libro aparece a coñecida fórmula de Viète para o número π: , coa que conseguiu calcular exactamente os dez primeiros decimais do número π.
Munimen adversus cyclometrica nova (1594) e Pseudomesolabium (1595) son as súas observacións críticas sobre a Cyclometrica de Joseph Scaliger.
Apollonius Gallus, publicado en 1600 (non por el, senón probablemente por Marino Ghetaldi), onde proporciona a solución ao problema de atopar o centro dun determinado círculo pola intersección de dúas hipérboles.
Viète tamén desempeñou un papel na determinación do calendario gregoriano, aínda que máis tarde se involucrou nunha estéril e inxusta polémica con Clavius, contra quen publicou os folletos Libellorum supplicum in regia magistri relatio kalendarii vere Gregoriani ad eccelesiasticos doctores exhibita pontifici maximo Clement VIII (1600) e Francis Vietae adversus Christophorum Clavium expostulatio (1602).
Postumamente, publicáronse:
Francisci vietae fontenaensis de aequationum recognitione et emendatione tractatus duo (1615)
Ad angularium sectionum analyticem theoremata (1615)
Bachmakova, Izabella G., Slavutin, E.I. "Genesis Triangulorum de François Viète et ses recherches dans l’analyse indéterminée", Archives for History of Exact Science, 16 (4), 1977, 289-306.
Biard, Joel; Rāshid, Rushdī. Descartes et le Moyen Age. París: Vrin, 1998. Google Books(en francés)
Eves, Howard (1980). Great Moments in Mathematics (Before 1650). The Mathematical Association of America. Google Books
Grisard, J. (1968) François Viète, mathématicien de la fin du seizième siècle: essai bio-bibliographique (Thèse de doctorat de 3ème cycle) École Pratique des Hautes Études, Centre de Recherche d'Histoire des Sciences et des Techniques, París. (en francés)
Godard, Gaston. François Viète (1540–1603), Father of Modern Algebra. Université de Paris-VII, France, Recherches vendéennes. ISSN1257-7979(en francés)
W. Hadd, Richard. On the shoulders of merchants. Google Books
Hofmann, Joseph E (1957). The History of Mathematics, translated by F. Graynor and H. O. Midonick. Nova York: The Philosophical Library.
Joseph, Anthony. Round tables. European Congress of Mathematics. Google Books
Pycior, Helena M.Symbols, Impossible Numbers, and Geometric Entanglements. Google Books
Francisci Vietae Opera Mathematica, collected by F. Van Schooten. Leyde, Elzévir, 1646, p.554 Hildesheim-New-York: Georg Olms Verlag (1970). (en latín)
The intégral corpus (excluding Harmonicon) was published by Frans van Schooten, professor at Leyde as Francisci Vietæ. Opera mathematica, in unum volumen congesta ac recognita, opera atque studio Francisci a Schooten, Officine de Bonaventure et Abraham Elzevier, Leyde, 1646. Gallica.bnf.fr (pdf). (en latín)
Varadarajan, V. S. (1998). Algebra in Ancient and Modern Times The American Mathematical Society. Google Books