Fordismo
sistema na produción industrial en serie / From Wikipedia, the free encyclopedia
O fordismo é un sistema na produción industrial en serie, estabelecido antes da primeira guerra mundial. O concepto recibe o nome de Henry Ford, quen popularizou a liña de ensamblaxe inventada por Ransom Eli Olds,[1] e foi acuñado polo teórico marxista Antonio Gramsci nunha serie de escritos realizados entre 1928 e 1934 que integran os seus Cadernos do cárcere e que foron reunidos posteriormente baixo o título de «Americanismo e fordismo».[2]
É un dos acontecementos máis importantes en canto ao desenvolvemento técnico da industria, o automobilismo e as tecnoloxías de fabricación. Nos tres ámbitos, este fito marcou un antes e un despois. Ford, o fundador e propietario de Ford Motor Company, tivo que trasladar o seu centro de produción da súa primeira fábrica para poder efectuar este acontecemento histórico. Necesitáronse dous anos para deseñar e construír a fábrica de Highland Park, en Detroit, que finalmente se inauguraría en 1910. En 1978, esta planta industrial, entón xa inactiva, pasou a formar parte do rexistro de National Historic Landmarks dos Estados Unidos de América.