Fitoestróxeno
composto vexetal non esteroide que se produce naturalmente / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un fitoestróxeno é un xenoestróxeno, que quimicamente non é un estróxeno, e é un derivado de plantas non xerado dentro do sistema endócrino animal, pero inxerido coa comida que conteña plantas fitoestroxénicas. Tamén se lles chama "estróxenos dietarios". Son un grupo diverso de compostos vexetais non esteroides que se producen naturalmente que, debido á súa semellanza estrutural co estradiol (17-β-estradiol), teñen capacidade de causar efectos estroxénicos ou antiestroxénicos.[1] Os fitoestróxenos non son nutrientes esenciais porque a súa ausencia da dieta non causa ningunha doenza nin se sabe que participen en ningunha función biolóxica normal.[1]
O seu nome procede do grego phyton ('planta') e estróxeno, a hormona que dá fertilidade ás femias dos mamíferos. A palabra "estrus", en grego οίστρος, oistros, significa 'desexo sexual', e "xeno", en grego γόνο, gono, é 'xerar'. Hipotetizouse que as plantas usan os fitoestróxenos como parte das súas defensas naturais contra a sobrepoboación de animais herbívoros controlando a fertilidade das femias.[2][3]
As semellanzas a nivel molecular dos estróxenos e os fitoestróxenos permítenlles imitar lixeiramente e por veces mesmo actuar como antagonistas dos estróxenos.[1] Os fitoestróxenos descubríronse en 1926,[1][4] pero non se sabía se podía ter algún efecto sobre o metabolismo humano ou animal. Na década de 1940 e einicios da de 1950, descubriuse que algúns pasteiros de trevo subterráneo (Trifolium subterraneum) e trevo rubio (Trifolium pratense), que son plantas ricas en fitoestróxenos, tiñan efectos adversos sobre a fecundidade das ovellas que os pastaban.[1][5][6][7]