Felix the Cat
From Wikipedia, the free encyclopedia
Felix o gato é un personaxe animado da era do cine mudo. A súa pelaxe negra, ollos brancos, e grande sorriso, xunto ás situacións surrealistas que se presentaban nas súas historias, contribuíron a facer de Felix un dos personaxes animados máis recoñecibles do mundo. Felix foi o primeiro personaxe de animación en obter un nivel de popularidade tan grande como para atraer aos espectadores con só o reclamo da súa aparición nunha película.
Felix the Cat | |
---|---|
Felix debuxado por Otto Messmer | |
Creador(es) | Pat Sullivan Otto Messmer |
Primeira aparición | Feline Follies (1919) |
Información | |
Raza | Gato |
Sexo | Masculino |
Familia | Inky e Winky (sobriños) |
As orixes de Felix son incertas. Pat Sullivan, caricaturista e empresario de cine de orixe australiana e o animador estadounidense Otto Messmer afirmaron ser os creadores, cada un pola súa parte, e a evidencia parece soster ambas demandas. Mais moitos historiadores, como pode ser John Canemaker, afirman que foi Sullivan quen plaxiou a Messmer. O que é seguro é que o gato saíu do estudio de Sullivan, e os debuxos animados que incluíron o personaxe desfrutaron dun enorme éxito nos anos 1920. Paramount Pictures distribuíu as primeiras películas entre 1919 e 1921. Margaret J. Winkler distribuíu as curtas entre 1922 e 1925, o ano no que Educational Pictures asumiu o control da distribución das curtas. En 1928, Education deixou de sacar os debuxos animados de Felix e moitos foron reemitidos por First National Pictures. Copley Pictures distribuíno desde 1929 até 1930. Tivo unha breve resurrección en 1936 por Van Beuren Studios, mais a gloria dos vellos tempos esvaeceuse durante o breve paso do gato para a cor e o son. Sullivan fixo a maioría da mercadotecnia do personaxe nos anos 1920.
Felix foi todo un éxito na cultura popular estadounidense, e tamén no estranxeiro. Tivo a súa propia tira cómica (debuxada por Messmer), e a súa imaxe pronto adornou todo tipo de produtos. Músicos de Jazz como Paul Whiteman cantaron sobre el, e incluso se converteu na primeira imaxe en ser difundida por calquera emisora de televisión. Mais o éxito foi breve. A chegada de debuxos animados parlantes, particularmente Mickey Mouse de Walt Disney, eclipsou a proposta non sonora de Sullivan e Messmer. Unhas cantas curtas sonoras creadas polo irmán de Sullivan non conseguiron a audiencia anteriormente obtida.
A televisión pode ser tomada como a salvación do gato. Os debuxos animados de Felix empezaron a transmitirse pola televisión estadounidense en 1953. Mentres tanto, Joe Oriolo, o novo artista da tira cómica, obtén os dereitos para introducir a Felix nunha nova serie, especificamente para televisión. Oriolo agregou novos personaxes, como Poindexter e Rock Bottom, e creou o peto máxico, que podía converterse en calquera figura que Felix necesitara. O fillo de Joe Oriolo, Don Oriolo, continuou como encargado de Felix, e o gato foi protagonista de diversas series de televisión, así como dunha película.[1]